VÍDEOS NO INTERIOR

Así se regueifa na Galiza: o Enreguéifate 2022-23 xa ten gañadoras

Os galardóns entregaranse na 'Regueifesta' que decorrerá en Compostela o 14 de abril.
Regueifeiras do Proxecto Regueifesta
photo_camera Regueifeiras nunha edición anterior do certame.

O Enreguéifate 2022-23, o certame que cada ano convocan os concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo e que vai xa pola sexta edición, xa ten gañadoras nas dúas categorías, unha xeral, destinada a calquera persoa que desexe participar, e outra escolar, para alumnado de centros de ensino non universitario. En ambas as dúas repártense seis premios: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada.

O xurado, composto por Socorro García Conde, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago; Carme Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; tivo que valorar un total de 43 regueifas, 35 delas inscritas na categoría escolar e oito na xeral.

Os galardóns entregaranse na gala Enreguéifate-Regueifesta que decorrerá o próximo 14 de abril no Auditorio da Galiza (Santiago de Compostela), un acto ao que a organización confía que asista arredor dun milleiro de persoas, entre escolares e alumnado improvisador chegado de diferentes puntos da Galiza e tamén de centros de ensino de Euskadi e Catalunya.

Conducida por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Olalla Liñares, a gala será "unha viaxe polo mundo da improvisación oral en verso, na que tampouco faltará a música en directo", adiantan.

Gañadoras e gañadoras do VI Enreguéifate

Categoría xeral

  • A máis brava: Os e as regueifeiros de Compostela - “Tempo de notas”
  • A máis aguda: Iván e Aroa - “Regueifa da Adolescencia”
  • A máis diversa: Intercontinental - “Café con leite”
  • A máis reivindicativa: Arrieiro e Chaminho - “A regueifa pedra Angular- freestile”
  • A mellor falada: Escola de regueifa de Carballo - “Fachenda da nosa terra”
  • A mellor cantada: Chámame lexión - “Regueifa co espello”

Categoría escolar

  • A máis brava: Vivantistas de Dodro - “Interxerando”
  • A máis aguda: Alumnado de 2º B do CEP Xosé Neira Vilas - “A Neira Horta”
  • A máis diversa: Clase de 1º B do CEIP Quiroga Palacios - “Superheroes do cotián”
  • A máis reivindicativa: Regueifeirxs chairegxs - “Regueixornal”
  • A mellor falada: Uxía e María do Camballón - “A nosa lingua”
  • A mellor cantada: 6ºA CEIP Agro do Muíño - “Rosalía”

A través desta ligazón poden visualizarse os vídeos de todas as persoas participantes no Enreguéifate 2022-23.

Comentarios