O Encontro de Embarcacións Tradicionais toma Sada

A décimo sexta edición conta con máis dun cento de barcos participantes, o que supón a volta á plena normalidade despois de que a pasada convocatoria, prevista para se celebrar en Moaña no verán de 2021, tivese que suspenderse por mor da Covid-19.
O volanteiro guardés 'Piueiro'.
photo_camera O volanteiro guardés 'Piueiro'.

O Encontro de Embarcacións Tradicionais da Galiza, que organiza a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, arrancou onte,  en Sada a súa décimo sexta edición con máis dun cento de barcos participantes, o que supón a volta á plena normalidade despois de que a pasada convocatoria, prevista para se celebrar en Moaña no verán de 2021, tivese que suspenderse por mor da pandemia da Covid-19. 

No porto de Fontán, ás 20 horas, tivo lugar o acto de inauguración oficial con autoridades e institucións, que foron recibidas para participar nunha navegación inaugural a bordo do balandro Joaquín Vieta. 

A programación da gran cita coa cultura mariñeira e o patrimonio marítimo e fluvial abriuse xa de mañá, tanto en mar como en terra, a partir das 11 horas, cando se abriron actividades permanentes, como as mostras de oficios tradicionais, a ludoteca e obradoiros infantís e as navegacións diarias. 

O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia inclúe no seu programa unha chea de propostas lúdicas e culturais (concertos, cinema, obradoiros para a cativada, presentación de libros, exposicións...), ademais de navegacións pola costa sadense durante as catro xornadas, así como unha concentración e exhibición dos participantes no porto de Fontán, visitas desde os peiraos e un bautismo de mar de novas embarcacións. As reservas para as saídas náuticas nos barcos Atyla e Joaquín Vieta están dispoñibles na web do encontro. 

Sermos Galiza dedicará, no seu número deste vindeiro sábado 5 de agosto, unha ampla reportaxe sobre este encontro que sitúa a Galiza na vangarda da recuperación do patrimonio asociado á cultura naval e mariñeira. Así mesmo, o suplemento mmáis de Nós Diario, dedicou unha serie de fotografías de Xan Muras dedicada ás embarcacións tradicionais. 

Comentarios