A cultura mariñeira esténdese ao río

As axudas da Deputación de Pontevedra destinadas á posta en valor do patrimonio marítimo e á promoción da cultura mariñeira chegan por primeira vez a proxectos relacionados cos ríos no interior. Dúas asociacións do Deza porán en marcha proxectos de musealización.
O volanteiro guardés 'Piueiro'.
photo_camera O volanteiro guardés 'Piueiro' beneficiarase das axudas para rehabilitar embarcacións tradicionais.

Fomentar a recuperación de bens de interese que integran o patrimonio relacionado co mar e os ríos e preservar e divulgar a súa riqueza e singularidade. Eis o obxectivo das liñas de subvencións da área de Patrimonio da Deputación de Pontevedra destinadas a entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a posta en valor do patrimonio marítimo fluvial. 

Vinte e unha entidades recibirán axudas desta liña para a Recuperación e Posta en Valor do Patrimonio Marítimo Fluvial, que por primeira vez concede fondos para proxectos de musealización relacionados cos ríos e non só vencellados á recuperación do patrimonio e embarcacións costeiras.  

Concretamente, dúas asociacións da comarca do Deza van recibir este 2022 unha inxección económica de máis de 6.000 euros para pór en valor o patrimonio marítimo fluvial do país. Trátase dos colectivos Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón de Codeseda e a Asociación Etnográfica de Codeseda, ambos de Lalín, que foron incluídos entre as 21 entidades beneficiarias da liña de axudas impulsada pola deputada de Patrimonio María Ortega. 

No caso da Asociación de Amigos do Museo Etnográfico ‘A Casa do Patrón’ de Codeseda, a axuda ascende a 4.755,30 euros, e destinarase á restauración do muíño de regueiro de Entre Ríos. Trátase dun antigo muíño de regueiro de cubo soterrado, propiedade de 16 herdeiros, unha verdadeira xoia cuns 200 anos de antigüidade na ribeira do río Asneiro, afluente do Deza. 

A Asociación Etnográfica de Codeseda, pola súa parte, porá en marcha un proxecto para restaurar e consolidar os principais aparellos etnográficos utilizados tradicionalmente na pesca marítimo-fluvial na Galiza, tanto existentes en almacén, como de nova incorporación ao Museo ‘Casa do Patrón’. Tamén se pretende realizar a montaxe dunha nova sala monotemática de exposición permanente, creando un espazo a tal fin nas instalacións actuais.

O obxectivo deste espazo, segundo a asociación, é “crear unha fermosa exposición de homenaxe e posta en valor dos preto de 1500 quilómetros do accidentado litoral galego". Estes traballos insírense nunha liña que ofrece axudas para intervencións realizadas sobre construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras...), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais.

Restauración do 'Piueiro'

Mais existe outra liña de axudas que se dirixe a traballos de rehabilitación en embarcacións co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan o mantemento da embarcación. 

Así, máis de 10.000 euros destinaranse a restaurar o volanteiro guardés Piueiro, unha embarcación tradicional da zona transfronteiriza con Portugal propiedade da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais O Piueiro da Guarda. Trátase dunha embarcación de 12,22 metros de eslora total, sen cuberta, propulsada a vela e manualmente mediante remos, que conta cunha vela latina de 85 metros cadrados, suxeitada por un mastro de 12 metros e unha botavara de 10 metros. A súa construción levouse a cabo grazas á recompilación de documentación e arquivos dispoñíbeis nas zonas costeiras de Baiona até Povoa de Varzim (Portugal). 

Actualmente, o Piueiro ten un papel fundamental para dar a coñecer unha parte da historia mariñeira da Guarda e para que todas as persoas visitantes que se acerquen a vila poidan visitar e mesmo realizar rutas pola zona costeira. Acolle rutas marítimas pola costa, participa nas Festas do Carme, e tamén na homenaxe a Rosalía de Castro, entre outras actividades.

Outras recuperacións 

Na comarca do Salnés, varias entidades recibiron máis de 74.000 euros para restaurar nove embarcacións que se destinarán á promoción da cultura mariñeira.  

Na comarca do Morrazo, dúas asociacións van recibir este ano case 16.500 euros para poñer en valor o patrimonio marítimo da zona recuperando o galeón Eliseo (1908) e o bote xeiteiro e polbeiro Os Galos

Da mesma forma, o Club Mariño A Reiboa de Poio e a Asociación Remare Insieme de Pontevedra tamén recibirán un importe semellante para a restauración de dúas embarcacións tradicionais na comarca de Pontevedra que se destinarán á promoción da cultura mariñeira en diferentes ámbitos: o galeón Luisa III e a traiñeira Os-Tras

Comentarios