Os vínculos entre Sánchez-Ohlsson e a gañadora do Benidorm Fest

Un dos encargados do festival forneceu a canción a Chanel

As dúbidas sobre a parcialidade do xurado do Benidorm Fest e o interese dos responsábeis da Corporación de Radio Televisión Española (RTVE) na vitoria de Chanel gañan forza. Mentres aparecen novos datos sobre a conexión entre a cantante cubano catalá e os responsábeis da gala, vense de coñecer información sobre as xestións de directivos do ente público en apoio de Chanel.

 

s
photo_camera Sánchez-Ohlsson, Eva Mora, María Eizaguirre e Cruz, na presentación do Benidorm Fest.

O 22 de novembro de 2021 a RTVE facía pública a preselección do festival de Benidorm. O acto contou coa participación da directora de comunicación da compañía, María Eizaguirre; da xefa da delegación española en Eurovisión, Eva Mora, e de dous asesores externos, J. Cruz, un dos cantantes de referencia da música latina, e Tony Sánchez-Ohlsson, compositor e un clásico dos certames ligados a Eurovisión.

Sánchez-Ohlsson apostou naquela rolda de prensa por "crear un Benidorm Fest recoñecíbel e cun cariz español" á altura de Eurovisión, "o festival máis grande do mundo, e hai que tratalo como tal". Na mesma comparecencia desvelou que durante ese mes fraguara "unha serie de conexións con autores ingleses e americanos", co obxectivo de "internacionalizar" o certame, e partillar experiencias con autores españois.

A proposta de Sánchez-Ohlsson a Chanel

A propia Chanel revelou após o festival de Benidorm, nunhas declaracións a El Periódico  de Barcelona, as súas relacións con Sánchez-Ohlsson, destacando que foi este quen lle forneceu a canción para competir.

"Tony xa me coñecía dos musicais en que traballei. Díxome que tiña unha canción para min, que me pegaba moito. Púxome en contacto con Leroy Sánchez, un dos autores, canteille a canción a modo de "casting", gustoulle e a partir de aí comezamos a traballar súper duro", afirmou Chanel.

O estreito contacto entre Sánchez-Ohlsson e Eva Mora nos días previos ás semifinais do certame de 26 xaneiro levantou as sospeitas entre os xornalistas convidados a cubrir o evento.

A este respecto, o diario madrileño El Confidencial, na súa edición desta cuarta feira, sinala que "Eva Mora, delegada de TVE no festival, chega a bautizala [refírese a Chanel] como "a candidata idónea a Eurovisión".

"Algo pasa con Chanel"

"Nos círculos que hai eses días en festas, hoteis e encontros destaca a elocuencia de María  Eizaguirre, directora de comunicación e participación de TVE, que deixa caer en varias ocasións as bondades da candidatura de  Chanel", continúa o xornal, que destaca que entre os periodistas desprazados para cubrir a gala comezou a crearse unha sensación de que "algo pasa con Chanel".

O diario recolle que xa a segunda feira 22 de xaneiro, nun dos autobuses onde a organización do festival desprazou os periodistas desde Madrid a Benidorm, xorde "un ruxerruxe que di que Chanel, unha Beyoncé saída da nada e que non gravou unha soa canción, foi designada para gañar en Benidorm".

"Aseguran que son versións que non proceden da delegación de RTVE, senón dos despachos en Prado del Rey", sede central de Radio Televisión Española en Madrid.

Comentarios