María Alonso, escritora: "A nova vaga migratoria é un fenómeno masivo"

Desarraigamento, fogar, tránsito, retorno... Son palabras que marcaron, e marcan, unha xeración e unha época. A editorial Galaxia acolle na súa colección Hoxeéhoxe Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres, de María Alonso Alonso. "Un libro de conversas" que pon o foco na nova diáspora galega desde o punto de vista das súas protagonistas. Aténdenos a autora pouco antes da presentación da obra, que realizou na tarde desta sexta feira de forma telemática. 

Maria Alonso autora de Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres. Foto: Aieg).
photo_camera Maria Alonso autora de 'Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres'. (Foto: Aieg)

A que necesidade responde a publicación de Migrantas?

Migrantas, en feminino, é un libro de conversas só con mulleres, galegas, que viven ou que viviron nalgún momento fóra da Galiza por algún motivo. Con estas historias, con estas conversas, a intención principal do libro é a de cuestionar a imaxe da emigración galega, masculina, clásica, ou da emigración de mediados do século pasado ao norte de Europa. 

Nesta nova vaga migratoria, que xurdiu a partir da crise de 2008, cambiou radicalmente. Xa non só porque agora emigran máis mulleres que homes, senón sobre todo polo perfil destas mulleres. Tamén pola actitude de cara á vida, ao presente e ao futuro, que teñen todas elas. 

A intención de Migrantas era a reflexión. Unha reflexión a través de conversas que tiveron lugar en liña entre outubro e novembro do ano pasado. Neste sentido, o volume está condicionado pola situación de pandemia e alerta sanitaria.
 
Cales son, para vostede, as características desta nova emigración?

Considero que hai varios aspectos que se repiten de forma constante en todas as conversas. O primeiro que xorde de modo natural é a idea de retorno, que está presente en todas e cada unha. Ese retorno, que aparentemente non é posíbel, obsesiona esas mulleres. Mais todas elas son conscientes de que, polo de agora, non é posíbel. Algunhas delas levan 20 anos emigradas e outras levan menos tempo, mais todas son conscientes de que a volta á casa non será factíbel nun futuro próximo. 

"a motivación para emigrar na maioría dos casos foi a precariedade laboral que atoparon ao terminar as súas carreiras"

Despois, a motivación para emigrar na maioría dos casos foi a precariedade laboral que atoparon ao terminar as súas carreiras. Todas elas son licenciadas, moitas teñen mestrados, doutoramentos... Son científicas, investigadoras... Mais as condicións laborais de precariedade, mesmo no ámbito científico, foron brutais... Así, esa precariedade é outra característica bastante común entre todas elas. 

Por outra banda, a maior parte das historias teñen unha evolución en positivo. É dicir, deixaron a precariedade na Galiza, emigraron e atoparon tamén precariedade no país de acollida, mais pouco a pouco foron encontrando o seu sitio na emigración e melloraron. Porén, tamén hai algunhas historias de frustración, de plans que non acaban de funcionar, que cuestionan a idea de que emigrar é igual a éxito. 

En Transmigrantes (Axóuxere, 2017), o seu anterior ensaio, xa pousaba o ollar na emigración.  

Transmigrantes escribino cando eu era transmigrante. Nesa época, cun título de doutoramento na man, atopei bastante precariedade. É un ensaio diferente a este libro novo. Unha obra moi crítica sobre aquela época, de 2014 a 2016, cando máis comecei a notar as consecuencias da crise de 2008. Regreso a esa temática porque creo que é necesario e urxente comezar a falar sobre a nova vaga migratoria

"agora emigramos de xeito máis particular, máis individual, pero é un fenómeno masivo"

Seguimos ancoradas na idea de que a Galiza migrante é do século pasado e non é así. As características da nova vaga migratoria son diferentes das anteriores. Xa non se emigra nin en familia nin en barcos todos xuntos, agora emigramos de xeito máis particular, máis individual, pero é un fenómeno masivo.  

A través destas conversas o que noto é que as persoas migrantas, coma min, teñen ganas de falar. Teñen ganas de que lles dean voz, de ser escoitadas... E agradecen moito, polo menos neste caso, que lles deran a oportunidade de falar e compartir as historias. 

Considero que é necesario e importante que tomemos consciencia de que existe un fenómeno migratorio e que detrás de todos eses números, de todas esas cifras, hai persoas reais, con nomes, con historias e con circunstancias que necesitan ser compartidas.

Comentarios