En 2019, 28.853 persoas abandonaron Galiza segundo reflicten os datos de Explotación de Movementos Migratorios publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). De entre todas as saídas 19.778 dirixíronse cara a outros territorios do Estado e 9.075 cara ao estranxeiro.
Así, o padrón de galegos e galegas residentes no estranxeiro aumentou a finais de 2019 até acadar as 523.672 persoas, de acordo cos números recollidos polo IGE a partir do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE). O colectivo aumentou en 4.026 persoas respecto ao ano anterior, unha cifra que non deixou de medrar nos últimos anos e que integra o número total de galegos que viven fóra do Estado español, nados tanto na Galiza como no exterior; é dicir, descendentes con pasaporte propio mais novos emigrantes que nos últimos anos decidiron marchar.
Entre 2015 e 2019, 53.613 persoas deixaron Galiza para ir vivir a algún outro país do mundo disto de España. Coincide co período de maior emigración cara o estranxeiro iniciado en 2013 con 11.739 saídas. Desde entón, 2017 marcou a cifra máis alta de emigracións, con 11.869.
Os datos de 2019 volven situarse nos niveis dunha década atrás. Porén, a emigración non deixa de subir. Pero crece a un ritmo máis lento, acorde coa perda de poboación e, sobre todo, de poboación en idade de marchar, cada vez máis escasa.
Emigración a Europa
Nos últimos anos, Europa acolleu boa parte dos galegos e galegas que decidiron marchar. Segundo as estatísticas oficiais -que recollen só os datos das persoas que se rexistran no país de destino- o numero de residentes galegos en diferentes Estados europeos pasou de 93.384 en 2009 a 112.125 en 2019. Nesta década o colectivo emigrante creceu en case 20.000 persoas e mudou o seu perfil. Hai máis mulleres e ben preparadas, un déficit engadido para o futuro da Galiza.
Máis entradas que saídas
Das 19.778 persoas que deixaron Galiza para instalarse noutro territorio do Estado español, 4.815 escolleron Madrid, 2.452 Catalunya e 2.140 as Illas Canarias.
Polo que respecta á emigración interna, a que ten como destino outro concello dentro da Galiza, os rexistros do IGE sinalan 62.964 variacións residenciais.
Fronte a estes datos, 46.600 persoas fixaron a súa residencia na Galiza ao longo de 2019, unha cifra que deixa un saldo migratorio externo positivo.