Máis

Doces que namoran

María Rivas e Uxío Allo son os impulsores da marca Galletas Namoreiras, un proxecto que busca a dinamización do rural a través da venda de doces artesanais con ingredientes de comercio local. Unha iniciativa que, ademais, ofrece obradoiros, organiza feiras, promove actividades culturais... Todo na procura da defensa dunha forma alternativa de facer as cousas.
DSC_8823
photo_camera María Rivas coa Reboleta Namoreira (Foto: Galletas Namoreiras)

Aló por 2019 María Rivas e Uxío Allo púñanse mans á masa para comezar un proxecto de repostaría artesanal que rematou, aos poucos, como a boa cociña, por converterse no que agora se coñece como Galletas Namoreiras. Un nome con moita historia e que, a pesar de non ser a denominación orixinal da marca, serve para reflectir o amor pola eira e a terra ao tempo que se evoca unha planta perenne que se atopa habitualmente a carón do mar.

Terra e mar mesturados nos rebolos (como chaman as súas galletas), nas pastas de té e nas granolas feitas con ingredientes proporcionados, na súa maioría, por distribuidores da zona, apostando pola calidade e o comercio de proximidade, reducindo con isto a pegada de carbono no proceso de produción e procurando conseguir unha sobremesa saudábel que colabore na dinamización do rural.

Precisamente, as orixes do proxecto atópanse, como sinala María en declaracións a Nós Diario, na “inquedanza por recuperar a casa familiar da aldea”, procurando crear unha iniciativa que conseguise “dinamizar o rural e reflectir unha filosofía de vida”.

O obxectivo é consolidar un proxecto coherente que anime a xente a ver que o rural está vivo

Para iso, e con bagaxe en proxectos de grupos de consumo, hortas en colaboración e repostaría, impulsaron o seu obrador na aldea de Treboedo (A Estrada, Terra de Montes). Un lugar con especial significado para María que, como explica, “sempre foi un punto de encontro para a familia”, algo que mantén presente no funcionamento da marca, con especial fincapé na forma de facer as cousas na Galiza rural de hai unhas décadas, chegando a asegurar que “aínda que era unha vida de traballo, tiñan tamén moitas alegrías e estaban en comunidade con outras persoas”.

Este interese pola actividade artesanal é o que implica que o principal obxectivo das Galletas Namoreiras sexa, en palabras de María, “consolidar un proxecto coherente que anime a xente a ver que o rural está vivo, que ten posibilidades e que se poden facer moitas e grandes cousas nel”, partindo de que a base debe ser “a cooperación”.

Esta foi unha das cuestións que contribuíu a que Uxío e María decidiran comezar a organizar feiras na súa contorna, co obxectivo de “reivindicar o rural e visibilizar outros proxectos”. Para isto, a través de actividades como exposicións artísticas, procuran a defensa do “patrimonio cultural”. Unha actividade que, como explica María, impulsaron ao se decatar de que as persoas emprendedoras non se coñecían entre si e observar a necesidade de “crear comunidade”.

María teno claro, a clave dos seus produtos atópase nos ingredientes de calidade, no fomento do comercio local e na naturalidade do proceso porque, como salienta, a forma de facer os seus doces é “como se estiveras ti na túa cociña”. Nun día no obrador hai que facer a moenda co muíño, seleccionar os ingredientes, mesturar e, como di María, “traballar coas mans”. Na actualidade contan con cinco tipos de rebolos, tres de pastas e dous de granola, con até sete produtos distintos aptos para o consumo vegano.

Entre o seu catálogo, o máis solicitado son os rebolos de avea e chocolate, os de xenxibre e chía, os de avea e arandos e os de abelás e pebidas de chocolate. A base de sarraceno (pseudocereal baixo en glute), fariña de espelta, licor de sabugueiro e avea, María Rivas cociña cada un dos produtos que comercializa e distribúe a través da súa páxina web namoreiras.com, coa colaboracións dos seus embaixadores e embaixadoras e en estabelecementos comerciais próximos á zona.

Co foco do proxecto na reivindicación do rural e no coidado artesanal, os inicios da marca baseáronse na elaboración destes doces e na promoción dun obrador con aloxamento. Pasou o tempo e a boa acollida da iniciativa implicou que fora crecendo. Iso si, sen abandonar o coidado e cariño de todas as actividades da marca.

Agora as formacións, os mercados biosaudábeis, o parque de aromas ou a Reboleta Namoreira enchen tamén os días destes dous emprendedores que non deixan de ter presente que co seu traballo procuran espallar a súa filosofía de consumo responsábel sen afastar os pés da terra.

Para María, as actividades con escolas son algunhas das máis salientábeis porque, como ela argumenta, “facer unha galleta non é ir ao supermercado, senón descubrir o que a terra nos aporta”, chegando mesmo a afirmar que “non sabemos nin o que comemos e para conseguir un cambio de mentalidade hai que ensinar”.Todo isto sen esquecer que “a esencia do que somos é a raíz, o rural, de onde vimos”. Unha marca que con compromiso, coidado e as raíces no país deixan ao seu paso o mellor sabor de boca.

Comentarios