Máis

Cooperativa Hoxe, tradición e vangarda

Referirse ao leite galego é falar de calidade. A Cooperativa Hoxe é un exemplo de negocio que aposta polo produto de proximidade. Os seus principios reitores son a dinamización da contorna rural e o desenvolvemento sostíbel. Conxuga a tradición máis brillante coa técnica de produción máis avanzada.
Queixo Hoxe Dupla
photo_camera Proceso produtivo do queixo, incluídas as fases de elaboración, etiquetaxe e distribución. / Cooperativa Queixo Hoxe

A posta en marcha dunha empresa non sempre é un proceso doado. Ás veces é un camiño tortuoso que entraña múltiples obstáculos. Ese foi o caso de Queixos Hoxe.

A cooperativa Hoxe naceu en 1971, froito da vontade dun grupo de gandeiros da comarca do Deza que quería expandir o seu pequeno negocio e acceder a un mercado que estaba en voga naquel momento.

O obxectivo inicial era mercar as xovencas, os abonos e os pensos en común para abaratar os custos de produción. Unha das persoas que participou na cooperativa foi Benito Ribas, daquela alcalde de Silleda.

Ao principio a súa actividade limitábase a vender o leite a unha empresa, Larsa, para que o comercializase entre grandes plataformas de distribución. O estoupido dunha crise do leite encareceu notabelmente a recollida do produto. Nese contexto de adversidade, a empresa decidiu diversificar o negocio e apostou por outros produtos lácteos.

A finais da década de 1970 a sociedade comezou co negocio do queixo. A nova orientación estratéxica non foi acertada: a produción non se vendía. A escasa solvencia do queixo lastrou o resto da produción. Durante unha tempada, moita xente non cobraba e rematou por marchar da cooperativa.

A saída dalgúns dos nomes máis importantes da empresa motivou que se levase a cabo a refundación da sociedade. Na presidencia da empresa sucedéronse varias persoas en pouco tempo. A principios da década de 1980 a cooperativa decidiu ampliar o catálogo de produtos derivados do leite, incluíndo leite pasteurizado, iogures, e queixos fundidos.

En 1998 Lito Andión asumiu a xerencia da empresa, un cargo no que permanece aínda hoxe. Durante esa etapa decidiuse limitar a actividade ao queixo. O fechamento das liñas de queixos fundidos, leite pasteurizado e iogures debeuse a un problema estrutural que impedía tratar ese produtos ao mesmo tempo que os queixos.

Posteriormente, a sociedade resolveu acometer un proceso de mellora necesario que lle permitise adaptar a fábrica e o proceso produtivo á normativa comunitaria da Unión Europea. Durante un tempo, non houbo apenas investimento.

Cando chegou un momento de maior estabilidade, os beneficios investíronse na modernización da fábrica. A evolución foi moi importante e estivo supeditada á empresa, sen dependencia de capital alleo. A adquisición de maquinaria e a posta en práctica de técnicas  novas permitiron triplicar a produción en pouco tempo. A empresa conseguiu penetrar en grandes superficies como Gadis, Froiz, Eroski, e Carrefour

Entre as instalacións actuais da empresa figuran unha queixaría situada en Lalín (Deza) onde procesan arredor duns 40.000 litros diarios de leite. Ao ano elaboran máis dun millón de quilos de distintas variedades de queixo como Arzúa-Ulloa.

Unha das principais vantaxes a respecto da súa competencia é que dirixen e controlan todo o proceso produtivo. A cooperativa Hoxe dispón dunha ampla rede de gandeiros e gandeiras aos que lles merca o leite. A través do seu sistema de transporte, a empresa recolle o leite en camións cisterna e  transpórtao até a fábrica.

A cooperativa exporta unha forma de traballar e unha forma de ser propiamente galega

No complexo transforman uns 10 millóns de litros de leite ao longo do ano en queixos que despois exportan a todo o país.

A calidade do queixo Hoxe está acreditada pola etiqueta de Denominación de Orixe Protexida Queixo Tetilla que forma parte dunha indicación xeográfica protexida.
En 2003 recibiu o premio ao mellor queixo da variedade "tetilla" do Estado español, un galardón bianual que outorga o Ministerio de Agricultura. No ano 2017, foi galardoado por Carrefour e a súa clientela como a “Mellor Peme Agroalimentaria Galega”.

Queixo con acento galego

Ao longo da súa historia, o Queixo Hoxe amosou un forte compromiso coa promoción do galego mediante a etiquetaxe dos seus produtos. Para o xerente da empresa, Lito Andión, o uso do galego é intrínseco ao seu traballo e á súa forma de vida. Durante a súa traxectoria impulsou a galeguización da cooperativa sen descanso. 

En declaracións a Nós Diario, Andión explica que representa para el a súa empresa na que leva décadas traballando: "a cooperativa exporta unha forma de traballar e unha forma de ser propiamente galega". 

Segundo indica, a normativa da Unión Europea obriga ás empresas a etiquetar algúns conceptos en castelán, por exemplo, os ingredientes. Cando unha sociedade entra nas vendas fóra da Galiza ten que introducir o castelán en parte da etiqueta.

A normativa impúxose a raíz dunha normativa comunitaria na que o Estado español fixo unha modificación obrigando a que os produtos ofrezan unha información tan importante para o consumidor como son os ingredientes en castelán.

Industria leiteira

Para Andión o mercado "está atravesando un momento complicado". Un dos factores máis preocupantes segundo o xerente é a falta de relevo xeracional. Cada vez hai menos persoas novas que estean interesadas na industria máis vencellada ao mundo rural. A pesar diso tamén interveñen factores como a caída do mercado. 

A Galiza é, desde hai décadas, unha potencia na produción de lácteos. No entanto, nos últimos tempos a industria resentiuse como consecuencia da alza dos custos de produción. O prezo do leite tamén sobe, mais non se traduce en beneficios para os seus produtores, senón para a gran distribución.

Por unha parte, o número de gandeiros con entrega de leite na Galiza descendeu en 2022 até os 6.190 (media anual), o que supón unha redución de 382 gandeiros respecto ao ano anterior (5,8%) segundo os datos que ofrece o Ministerio  de Agricultura no seu informe.

O volume de leite producido no territorio galego é un indicador que permite esbozar unha idea do impacto que ten a industria na economía galega. No ano 2022, alcanzouse unha produción de 2.971,5 miles de toneladas.

Empresas como a cooperativa Hoxe actúan como verdadeiros motores que impulsan nas súas contornas o desenvolvemento e a creación de empregos e ademais atraen maiores investimentos para revitalizar o mundo rural.
 

Comentarios