sábado 04.04.2020
O Grupo Común de Esquerda denuncia a "opacidade" do contrato

A directora de Turismo defende o modelo de patrocinio, sen concorrencia competitiva, do Son do Camiño

O Grupo Común de Esquerda solicitou nunha comisión que a Xunta dese a coñecer os criterios de financiamento a festivais, que nalgúns casos reciben patrocinio a través de contratos sen concorrencia competitiva ou publicidade. directora xeral da Axencia de Turismo da Galiza, Nava Castro, replicou que o contrato, empregado no Son do Camiño entre outros eventos, é pertinente por tratarse dun evento "único e exclusivo".
Asistentes da primeira edición do festival O Son do Camiño (Imaxe: Son do Camiño)
Asistentes da primeira edición do festival O Son do Camiño (Imaxe: Son do Camiño)

A pasada quinta feira a deputada do Grupo Común de Esquerda Ánxeles Cuña preguntou á directora xeral da Axencia de Turismo, Nava Castro, polos criterios que segue a Xunta da Galiza á hora de asinar contratos de patrocinio ou publicidade con festivais musicais. Cuña centrou a cuestión, que se presentou no marco dunha comisión parlamentar, no festival Son do Camiño, celebrado en xuño de 2018 e 2019 no Monte do Gozo, en Santiago de Compostela.

O anuncio deste festival arrancou ao ritmo da polémica, pois a modalidade de contrato que a Xunta asinou coa Unión Temporal de Empresas (UTE) conformada por Old Navy Producións S.L. e Esmerarte Industrias Creativas S.L. é privada, sen concorrencia competitiva nin publicidade, "por razóns de exclusividade". Cuña sinalou en comisión que hai "motivos para crer que nos atopamos ante un dedazo". "A limitación dos principios de publicidade e concorrencia ten un carácter excepcional e obxectivo, que só procede cando hai causas moi claras, como que só se poida encomendar a unha empresa ao non haber outras que poidan facelo, que haxa urxencia ou que a empresa teña a exclusividade dos grupos contratados", sinalou Cuña, "non se cumpre ningún destes casos".

A deputada desenvolveu a cronoloxía anterior á celebración da primeira edición do Son do Camiño. En abril de 2017 o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, reuniuse cun dos representantes da UTE. "Oito meses despois concédeselles a marca Son do Camiño e, paralelamente, comezan as obras para arranxar o recinto do Monte do Gozo, onde se celebra o festival", informou. 

Pola súa banda, a directora xeral de Turismo, defendeu que a modalidade de contrato asinada coa UTE que organiza o Son do Camiño é pertinente, dado que se trata dun evento "único e exclusivo" e engadiu que contou coa aprobación "dunha asesoría xurídica" e da "intervención". "A súa repercusión mediática axuda a promocionar o noso destino", afirmou Castro. A directora afirmou que desde a súa dirección seguirase apostando "polo turismo musical". "Trátase dun escaparate único para a promoción do Xacobeo 2021 cara ao exterior", engadiu.

Tras a intervención da directora de Turismo Cuña lamentou que "non respondese" á cuestión. "Creo que non poden ofrecer unha resposta nidia e que hai indicios de que non tiñan exclusividade", afirmou. O Grupo Común de Esquerda anunciou que tamén presentará ao conselleiro de Cultura, tras o "infrutuoso" intento. 

comentarios