Entrevistamos Concepción Burgo, deputada do PSdeG

"A marca O Son do Camiño é dous meses anterior á concesión. Foi un contrato a dedo"

Hai unhas semanas, a deputada Concepción Burgo (PSdeG) puxo o foco sobre as maneiras en que a Xunta concedeu tres millóns de euros á unión temporal de empresas que xestionará o festival O Son do Camiño. “É un contrato a dedo non sabemos para facer o que”, pregúntase, e asegura que pode haber irregularidades legais. O episodio sérvelle, ademais, como exemplo do que critica na política cultural do Goberno galego: “As cousas non se poden facer así”. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 287.

_MG_0152
photo_camera [Imaxe: Laura R. Cuba] Concepción Burgo

3Por que denuncian O Son do Camiño?

Denunciamos a maneira de facelo. Non tanto o cartel senón o contrato. É un contrato de patrocinio por procedemento negociado sen publicidade. Tres millóns de euros con IVE a dúas empresas que forman unha unión temporal de empresas (UTE). Sae na Plataforma de Contratos Públicos de Galiza e sae sen os pregos de condicións administrativas e técnicas. É un contrato a dedo para facer non sabemos tampouco que. A Xunta di que é un patrocinio, porque estas empresas teñen a exclusividade dunha marca, O Son do Camiño. Pero descubrimos que solicitaron esa marca no rexistro en xuño de 2017 e concedéronlla en novembro. Poucos meses antes unha destas empresas entrevistouse con Feijóo. Piden a marca, conseguen o rexistro e, dous meses despois, teñen tres millóns de euros. Ese festival non existía e non hai razóns, como habería co Resu -unha marca consolidada-. Houbo unha vontade de dar a estas empresas o festival. Non é maneira de levar o Xacobeo, que desde agora até o ano 21 manexará moito máis diñeiro do que manexan o Agadic e a a Consellaría de Cultura para as empresas musicais.

É legal que a Xunta non publique os pregos de condicións?

En todos os procedementos teñen que pendurar os pregos de condicións, mesmo aínda que sexa un negociado sen publicidade coma este. Toda a cidadanía ten dereito a ver que os procedementos se cumpren. E as outras empresas teñen dereito a ver como se está dando. Eles din que é un contrato de patrocinio, pero non están patrocinando, están pagando o festival. A Xunta está pagando o festival de dúas empresas en réxime de monopolio.

Máis alá do formal, aprecia indicios de irregularidades legais?

Falamos con avogados e consideramos que si. Fundamentalmente porque a marca O Son do Camiño é dous meses anterior á concesión. Foi un contrato a dedo. E o patrocinio. Que se está patrocinando? Desde logo a marca non. Non, é un subterfuxio para darlle visos de legalidade.

[Podes ler a entrevista íntegra no semanario Sermos Galiza 287, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios