Contracultura

Dioivo: "Non se adoita pensar nun poema de Rosalía de Castro do século XIX e na música metal"

Jacobo Mouriño (Vigo, 1996)e Dani Valladares (Vigo, 1996), membros do grupo Dioivo, abordan o percorrido do seu último traballo discográfico, 'Cara os ceios incrementes', no que poñen música a varias pezas da literatura galega.
Jacobo Mouriño e Dani Valladares crearon Dioivo hai oito anos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Jacobo Mouriño e Dani Valladares crearon Dioivo hai oito anos. (Foto: Nós Diario)

—Após uns meses co disco na rúa, que acollida ten?
Jacobo Mouriño: Xa fixemos parte da xira de presentación e foi moi chulo porque puidemos ir por varios sitios da Galiza, así como a Madrid e a Palma de Mallorca. Só o feito de poder movernos para presentar un proxecto xa é un bo sinal. Ademais, aló onde fomos a xente sempre respondeu ben, mercando o álbum e merchandising. Ao final, para unha banda underground como a nosa, é nos concertos onde podes ver esta acollida e nós estamos moi contentos.

Dani Valladares: Os concertos, alén de ser un momento de desfrute e para coincidir coa xente, tamén son unha das vías principais para a distribución de discos e de merchandising. Non deixamos de ser un estilo minoritario. Agora mesmo estamos traballando en fechar máis datas. O 23 de febreiro estaremos no Tronko Bar (Pontevedra) cunha banda pontevedresa, Ultraxe, e outra de Portugal, Hunted Scriptum. E temos datas fechadas para o verán e algúns festivais.

—Varios dos temas deste álbum son adaptacións da poesía galega.
J.M.: Levamos adaptando obras da literatura galega desde que nacemos, en 2016. Precisamente, o grupo xurdiu porque había un concurso en Vigo no que había que musicar Rosalía de Castro. Nós tocabamos noutro grupo que xa estaba en certa maneira inactivo e decidimos xuntarnos e presentarnos os dous. Musicamos un poema en estilo black metal e aínda que non gañamos, gustounos o resultado e decidimos seguir. Aínda que a meirande parte das letras son orixinais, o que máis nos gusta é facer estas adaptacións da literatura galega. Así temos a seguridade de que a letra é boa porque nós tampouco somos uns escritores incríbeis. En 2021, adaptamos Retorno a Tagen Ata, de Xosé Luís Méndez Ferrín, aproveitando que era o 50 aniversario e en 2022 fixemos o mesmo co poema "Hai sede na Nova Galicia" de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas dese ano. Ambos temas están incluídos neste traballo, así como "Que importa que nos craven as cadeas" de Darío Xohán Cabana, o tema que abre o disco e no que comezamos a traballar tras o seu falecemento.

D.V.: No ámbito no que nós nos movemos foi relativamente novidoso. Poucas bandas de metal extremo na Galiza recorren ás letras da literatura e fan esta mestura. Serviunos como punto inicial para comezar coa banda, mais tamén como un factor diferenciador. Tampouco é que o buscaramos de maneira planificada, senón que xurdiu de maneira natural.

—É unha maneira de darlle unha nova perspectiva a estas obras, non?
J.M.: Sobre todo porque moita xente se sorprende. Son cousas nas que non adoitan pensar xuntas: poemas de Rosalía do século XIX cunha música metal. Este é un estilo relativamente moderno que moita xente aínda non ten normalizado. Realmente, Rosalía era unha escritora do Romanticismo, moi gótica, e no caso do poema "Sempre pola morte esperas", que musicamos, creo que este estilo musical é máis que acaído. En parte é iso: mesturar estas dúas artes para lograr unha nova perspectiva.

D.V.: O feito de musicalizar poemas dunha lingua minorizada tamén ten un punto reivindicativo. Falamos con xente de fóra, ben cando imos tocar ou cando nos fan entrevistas, e a algunhas persoas chámalles a atención e inclusive utilizan o argumento falaz de que nos fecha portas.

Comentarios