Escenas do Cambio inicia hoxe tres días de escena alternativa en Santiago

Sobresaen nesta novena edición as estreas das compañías galegas Matarile, con ‘Fráxil. Handle with care’ e Kirenia Danza, con ‘Afectos’

'Fráxil. Handle with care', de Matarile, estréase o día 5 no festival.
photo_camera 'Fráxil. Handle with care', de Matarile, estréase o día 5 no festival.

O festival de danza, teatro e arte en acción Escenas do Cambio inicia hoxe tres xornadas dedicadas ás artes escénicas de vangarda. A obra itinerante Aquí mentres camiñamos, do brasileiro Gustavo Ciríaco e a austríaca Andrea Sonnberger, será a encargada de inaugurar esta novena edición, cunha proposta na que público e artistas compartirán unha experiencia de descubrimento polas rúas de Santiago de Compostela.

Unidos por unha cinta branca, percorrerán xuntos as rúas da cidade nun camiño secreto que convida a observar o espazo urbano con outros ollos, ao modo dos flanêurs do século XIX. Logo do seu paso por festivais e cidades como Nova York, Taipei, París, Londres, Porto, Praga ou São Paulo, entre outras moitas, Aquí mentres camiñamos chega á capital galega con cinco pases no marco do festival.

 

Conflitos contemporáneos 

Do 4 ao 6 de maio, Escenas do Cambio programa dez creacións contemporáneas de danza, teatro, perfomance, música e poesía escénica nas que as transformacións e conflitos sociais do noso presente teñen un papel protagonista. As persoas migrantes e os seus dereitos —Afectos, de Kirenia Danza—; a construción dunha nova Europa máis porosa e amábel cos estraños —Fráxil. Handle with care, de Matarile—; o amor en todas as súas formas —One night at the golden bar, de Alberto Cortés—, ou a denuncia da mercantilización da morte —Aquellas que no deben morir, de Las Huecas— son algúns dos temas que compañías e artistas porán sobre o escenario.

Entre as cinco estreas do festival, destacan as últimas creacións de Kirenia Danza (Afectos) e Matarile (Fráxil. Handle with care). A primeira estréase hoxe ás 20.30 horas na Cidade da Cultura, mentres a nova peza dirixida por Ana Vallés terá o seu primeiro pase no Salón Teatro o 5 de maio ás 21.30 horas. 

As outras obras inéditas desta edición son Poco (o alguien dirá que nos equivocamos), do dramaturgo canario Roberto García de Mesa; a peza colectiva Poescénicas, que crean e protagonizan cinco poetas galegas actuais (Yolanda Castaño, Silvia Penas, Xiana Arias, Nuria Vil e Nieves Neira) e o debut musical da formación Sons-Nús/CatroNubes, coa súa mestura experimental de jazz, arte visual e poesía, que fechará Escenas do Cambio o sábado ás 21.30 horas no Gaiás. 

Completan o programa Háblame, cuerpo, de  Nazario Díaz, e Washington, do artista galego Matías Daporta, un xogo de espellos e realidades que recrea o casting da película que Lars von Trier nunca chegou a rodar logo de Dogville e Manderlay

 

Comentarios