O Día de Rosalía ten nova data: o 23 de febreiro

Unha recente investigación de Sagrario Abelleira sitúa nesta data o nacemento da autora, e non o 24 de febreiro, como se cría até o de agora.
Xuntanza decorrida esta terza feira para trasladar o Día de Rosalía ao 23 de febreiro (Foto: Fundación Rosalía de Castro).
photo_camera Xuntanza decorrida esta terza feira para trasladar o Día de Rosalía ao 23 de febreiro (Foto: Fundación Rosalía de Castro).

A Fundación Rosalía de Castro convocou na mañá desta terza feira diversas entidades culturais e educativas relacionadas co Día de Rosalía para acordaren que as celebracións deste aniversario pasen a ter lugar desde este 2022 o día 23 de febreiro e non o 24, como acontecía até o de agora, logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora. 

Acudiron á convocatoria da Fundación Rosalía na Casa-Museo representantes de entidades relacionadas co Día de Rosalía, como o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez; o presidente de Nova Escola Galega (NEG), Xosé Lastra; Dores Silveira, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) ou Olimpio Xiráldez e Erea Estévez Campos, da Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas.

Tamén participaron representantes institucionais como Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Lorena Couso, concelleira de Cultura de Padrón, ou Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Compostela. Tamén asistiu á xuntanza a propia Sagrario Abelleira.

A Deputación da Coruña, cuxo deputado de Cultura, Xurxo Couto, non puido asistir por cuestións de axenda, manifestou o seu apoio á decisión tomada, segundo informa a Fundación Rosalía de Castro.

"O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional", din desde a fundación.

Logo deste acordo, a Fundación Rosalía de Castro "volve chamar á sociedade galega a celebrar o Día de Rosalía, desta volta o 23 de febreiro, lendo os seus textos e facendo un Caldo de Gloria, para o que convoca de novo a escolas e restaurantes de todo o país a esta iniciativa inspirada no poema Miña casiña, meu lar na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia". Este evento comezou a realizarse en 2017, "cun seguimento masivo en Padrón", e en 2018 xa se converteu nun evento seguido a nivel galego.

Moitas outras entidades e asociacións propoñen outras iniciativas e actividades en todo o país que se estenden por todo o mes de febreiro. 

Comentarios