Todo pronto para celebrar Rosalía na Coruña

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organiza este sábado “Un día con Rosalía”. Unha xornada que conmemora o 150 aniversario da chegada da escritora á cidade da Coruña. Eis o amplo programa de actividades programados.

Retrato de Rosalía de Castro cando era moza. (Foto: María Cardarelly)
photo_camera Retrato de Rosalía de Castro cando era moza. (Foto: María Cardarelly)

Palestras, roteiros, recitais poéticos, concertos, cinema, obradoiros... o programa de “Un día con Rosalía” ofrece actividades para todos os gustos.

A celebración comezará este sábado, 23 de outubro, cunha alborada diante da casa en que viviu Rosalía, na Travesía Príncipe da Coruña, e continuará cunha visita guiada ao Arquivo Municipal para coñecer, da man da directora do arquivo, curiosidades ao redor da figura da escritora galega.

"Estranxeira na súa patria" é a palestra que impartirá un dos meirandes especialistas na vida e obra rosalianas, o historiador e escritor Francisco Rodríguez, a quen a presidenta de Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, se refire como “un dos grandes coñecedores e descubridores desa Rosalía coa que todos hoxe concordamos, de símbolo dun pobo, de feminista, transgresora e defensora dun país".

A presentación do último número da revista Follas Novas, co académico Xosé Luís Axeitos e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, será a seguinte actividade programada, á que segue un recital poético coa escritora Estíbaliz Espinosa. Ambas as accións diante do Teatro Rosalía.

“Un día para Rosalía” tamén deixa espazo para a troula, cunha sesión vermú a cargo de Xurxo Souto. Esta sesión tamén decorrerá no teatro que leva o nome da escritora de Follas Novas.

A sesión da tarde abrirase con "Curtas para Rosalía", un visionado das fitas sobre a obra de Rosalía que foron premiadas pola AS-PG.

"O feminismo en Rosalía de Castro" será o punto forte do serán, cunha palestra a cargo da especialista María Pilar García Negro.

A esta séguelle a conferencia sobre as "tres Rosalías", polo grafista e deseñor Pepe Barro, quen analizará as diferentes imaxes que se conservan da poeta.

Ademais, presentarase Correspondencia da familia Murguía-Castro e outras cartas, con Xosé Luís Axeitos, mais un encontro arredor de "Na fronte unha estrela" con Martin Pawley.

Como broche de ouro da xornada, Carmen Rey ofrecerá un concerto.

Outras actividades

"Un día con Rosalía" achega as iniciativas "manchea, imprenta tradicional"; visita guiada ao Circo de Artesáns (biblioteca e arquivo) con Manuel Miragaia; actividade coa ilustradora Noemí López Vázquez; "Has de cantar": obradoiro de canto con Marta Pumares; proxección sobre o teatro (lado da Mariña) de versos e imaxes de Rosalía á noite; "Dúas cancións para Rosalía" con Estíbaliz Espinosa; e, ás 22.30 horas, visita nocturna ao teatro Rosalía, guiada polo seu director.

Comentarios