Os eventos conmemorativos esténdense até comezos de marzo

Galiza festexa o Día de Rosalía con flores e poemas, alboradas e 'Caldo de Gloria'

O país rende homenaxe a Rosalía de Castro cando se conmemoran os 184 anos do seu nacemento. Os recitais, a música e as ofrendas florais foron as constantes dun 24 de febreiro que se festexou, unha vez máis, non só desde os ámbitos institucional e literario senón tamén desde o terreo popular. 
1614169025ofrenda
photo_camera Imaxe da ofrenda floral na praza de Vigo, de Compostela, lugar no que naceu Rosalía de Castro. (Foto: Nós Diario)

O Parlamento galego foi un dos primeiros protagonistas do Día de Rosalía ao render homenaxe á autora de Cantares gallegos á primeira hora da mañá. Coa colaboración da Fundación Rosalía, presidida polo escritor Anxo Angueira, os xardíns do Pazo do Hórreo foron o escenario do primeiro acto conmemorativo da xornada coa plantación dunha crecenza da que foi “a figueira de Rosalía”, que permanece na Casa da Matanza.

Neste primeiro evento institucional estiveron presentes o presidente da Cámara, Miguel Santalices, quen subliñou o “inquebrantábel compromiso rosaliano do Parlamento”; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. O acto estivo amenizado polo gaiteiro Jesús Giráldez, que interpretou a "Alborada de Rosalía".

Nunha intervención con referencias a Carvalho Calero e Marina Mayoral, estudosos da obra rosaliana, Miguel Santalices insistiu en que a poeta nacida o 24 de febreiro de 1837 en Compostela é “a autora galega máis universal, a máis coñecida, recoñecida e estudada, dentro e fóra das nosas fronteiras”.

Nesa mesma liña falou o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, durante a ofrenda floral realizada pola corporación municipal na compostelá Praza de Vigo. “Rosalía está viva, na sociedade, para investigación, na rúa, na escola, nas academias, nas institucións…".

No evento, estiveron tamén presentes o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, quen apuntou que, "a Rosalía de Castro hai que reivindicala e celebrala todos os días”. “Cada día descubrimos cousas novas e temos que traspasar eses perfís múltiples que ten" ás novas xeracións "porque ela é eterna", sentenciou Rosón.

Logo da presentación do número cinco de Folla Novas. Revista de estudos rosalianos, en Compostela, os actos conmemorativos da Fundación Rosalía trasladáronse até Rois e Padrón. Na primeira localidade, o Parque do Recordo do Pazo do Faramello foi o lugar escollido para plantar unha nova filla da figueira de Rosalía; na segunda, levouse a cabo unha ofrenda floral diante da estatua da escritora.

Artes visuais e música

Compostela, Ferrol, Pontevedra, A Estrada, Moaña, Redondela ou Lugo foron só algunhas das localidades que lle renderon homenaxe a Rosalía de Castro mediante ofrendas florais, música tradicional ou recitado dos seus poemas por parte do alumnado de diversos centros de ensino. 

A Deputación de Lugo festexou a efeméride agasallando unha lámina a cada visitante da Rede Museística, así como cunha ofrenda floral no monumento de escritora no parque da cidade de Lugo que leva o seu nome.

As deputacións da Coruña e Pontevedra tamén festexan a escritora e fano até o 3 de marzo. No sur do país, unha vintena de concellos estrearon a pasada noite a iluminación das súas fachadas con proxeccións da imaxe e do pensamento de Rosalía de Castro. 

E desde o 18 de febreiro até o 3 de marzo decorre o Festival Rosalía, da Deputación da Coruña, que se realiza en liña e que conta coa presenza de músicas como Aid, Guadi Galego e Uxía, e das escritoras María Reimóndez, Rosalía Fernández e Antía Yáñez. 

Tamén en liña e baixo o título de “Sempre Rosalía” o Consello da Cultura Galega (CCG) recupera un especial web no que reúne os contidos xestados pola institución até o día de hoxe.

'Caldo de Gloria' e roteiro

A cociñeira Lucía Freitas, estrela Michelín e chef de A Tafona, en Compostela, foi a encargada este ano de facer o Caldo de Gloria, que se difundiu desta vez só por redes sociais. 

Na tarde de onte a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña, organizou a lectura pública da obra de Rosalía, xunto á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). E desde Compostela, a AC O Galo, organiza para o sábado 27 un roteiro guiado por Francisco Rodríguez, especialista na obra rosaliana, que percorrerá lugares emblemáticos da cidade para a autora baixo o título "Rosalía en Compostela".

Persoal sanitario e concertos en liña, a realidade Covid-19 deste 24 de febreiro

Concellos como o de Redondela ou A Estrada conmemoraron o Día de Rosalía adheríndose á campaña da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que desde hai unha década promove para o 24 de febreiro agasallar un libro en galego e mais unha flor. Na Estrada, ademais, realizouse un vídeo de homenaxe a Rosalía protagonizado por persoal do ámbito da medicina e das emerxencias sanitarias.

O concello de Moaña (na imaxe) organizou para a rapazada de 3 a 12 anos, e en colaboración cos centros de educación Infantil e Primaria, o concerto "Cantando os Cantares", con Marcos Acuña. Un evento que se desenvolveu en liña e que se complementou con unidades didácticas nas que participaron os grupos Lelli Kelly's e Sebastian Black & It's Soul.

Comentarios