Documentos inéditos sobre a súa biografía

A nova data de nacemento de Rosalía de Castro

O achado do expediente matrimonial de Rosalía de Castro e Manuel Murguía descobre a verdadeira data de nacemento da autora e proxecta nova luz sobre diversos aspectos da súa biografía. 
Os novos documentos descubertos iluminan aspectos da vida de Rosalía até o de agora descoñecidos. (Foto: Nós Diario) #rosalía #rosalíadecastro
photo_camera Os novos documentos descubertos iluminan aspectos da vida de Rosalía até o de agora descoñecidos. (Foto: Nós Diario)

A investigadora Sagrario Abelleira vén de facer público o achado duns documentos que alteran o que sabiamos sobre Rosalía de Castro: a data de nacemento da escritora ten que situarse no día 23 de febreiro de 1837, e non o día 24, como até o de agora se pensaba. O expediente matrimonial de Rosalía de Castro con Manuel Murguía, atopado no Arquivo Diocesano de Madrid, é -segundo Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro- "un documento incontestábel que permite fixar definitivamente o día en que naceu Rosalía e que aclara moitas das dúbidas que até o de agora pairaban sobre a súa biografía". 

Até agora, coñecíase unicamente a partida bautismal de Rosalía, do 24 de febreiro de 1837, e ao ser esta a única proba documental acreditada, dábase por boa esta data para lla asignar ao nacemento da autora. Angueira, en conversa con Nós Diario, explica que xa existían moitos indicios que apuntaban ao día 23 de febreiro como a data real do nacemento da autora. "Murguía, no Diccionario de escritores gallegos, escribe que Rosalía naceu en Santiago o 23 de febreiro de 1837, e se o escribe o home que acababa de casar con ela, parece difícil que se equivocase". 

Ademais, o sentido común xa indicaba que a data do 24 era un erro. "Se bautizas unha nena na madrugada dun día, é moi pouco probábel que nacese ese mesmo día", afirma Angueira.

Mesmo cabe a posibilidade de que a propia Rosalía deixase algunha pista encriptada: "Ela asina a dedicatoria de Cantares Gallegos o 17 de maio, que era a data de nacemento de Murguía", relata Angueira. "E asina a de Follas Novas o 23 de febreiro, o que podería ser un sinal cifrado que Rosalía deixa de forma reservada".

Anxo Angueira non dubida en cualificar o descubrimento destes papeis como dunha enorme importancia

Novas vías de estudo sobre Rosalía 

Sexa como sexa, o achado vai máis alá da data de nacemento. Anxo Angueira non dubida en cualificar o descubrimento destes papeis como dunha enorme importancia: "A descuberta da nova data ten un gran valor simbólico, mais non altera a visión que temos de Rosalía. Porén, si hai outros documentos que falan, por exemplo, da relación de Rosalía de Castro coa súa nai, e aí si que as cousas cambian para os estudos rosalianos". 

 O expediente matrimonial de Rosalía e Murguía consta de máis dunha decena de documentos entre os que destaca a declaración notarial feita en xuño de 1843 pola súa nai, Teresa de Castro. "É importante ter este documento no que Teresa declara explicitamente que ela é a nai de Rosalía: é un recoñecemento oficial de que é unha nai solteira e deixa ver que non abandona a súa filla nunca, que existe un vínculo entre nai e filla que resiste ao paso do tempo. É algo que moitos viñamos defendendo desde hai tempo e que agora estes papeis confirman e documentan", di Angueira. "Creo que isto é moi importante para recompoñer o relato biográfico sobre Rosalía".  

O conxunto dos papeis atopados foron compilados nun libro que se presentará na vindeira quinta feira. "Aí hai máis datos sobre Rosalía, sobre Murguía, sobre a súa relación... Estamos diante dunha descuberta sumamente importante que vai iluminar unha parte da vida de Rosalía de forma definitiva, vai cortar moitas especulacións que se teñen feito ao longo dos anos. Creo que isto hai que celebralo, aínda que nos obrigue a retractarnos sobre a data do nacemento. Iso é algo secundario en comparación coa seguranza que nos dan estes documentos sobre moitos baleiros que aínda persistían e que agora terán unha resposta definitiva". 

Un destes datos é que Murguía e Rosalía se comprometeran un ano antes de iniciar os trámites para casar, como a autora apuntara na declaración que asina. A mesma na que asegura ser natural de Santiago de Compostela e filla natural de Teresa de Castro, como confirma a xa mencionada declaración da súa nai. 

"Mais sobre todo", insiste Angueira, "ten unha importancia fundamental para descubrir unha nova visión dos primeiros anos da vida de Rosalía".

A nova descuberta afecta unha das conmemoracións máis populares das que teñen lugar arredor da autora: o Día de Rosalía, que viña celebrándose o día 24 de febreiro

Unha nova data para o Día de Rosalía? 

Como é lóxico, a nova descuberta afecta unha das conmemoracións máis populares das que teñen lugar arredor da autora: o Día de Rosalía, que viña celebrándose o día 24 de febreiro. 

"Na miña opinión, habería que cambiar a data", opina Angueira, "e iso carecerá de importancia diante do valor que ten a obra de Rosalía e a proxección da súa obra sobre o pobo galego. O importante é celebrala e pódese facer un día ou outro. Ou como xa vén sendo habitual, durante unha boa parte do mes de febreiro. O interesante será buscar un acordo entre todas as institucións para que non haxa disparidade e que Rosalía siga sendo algo que nos une", conclúe.

O Día de Rosalía cambia de data mais non de función na sociedade galega

O Día de Rosalía naceu como unha efeméride que pretendía festexar a literatura e o libro galego, mais a cidadanía -e moi especialmente, a mocidade- dirixiuno cara a outro campo onde se encontran a conmemoración, o orgullo de pertencer a unha cultura e as reivindicacións sociais e políticas. 

A nova data de nacemento, que agora se coñece de forma incontestábel,  non significa, para Anxo Angueira, ningún obstáculo "para celebrarmos a figura e a obra de Rosalía. Segue a ser un espello no que a sociedade galega se contempla a si mesma". 

Comentarios