A Deputación de Pontevedra prepárase para celebrar o Día de Rosalía "por todo o alto"

A programación prevista "homenaxeará á autora e porá en valor o seu papel como un dos primeiros referentes do feminismo na Galiza".
María Ortega, Carmela Silva e Victoria Alonso esta sexta feira en rolda de prensa (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera María Ortega, Carmela Silva e Victoria Alonso esta sexta feira en rolda de prensa (Foto: Deputación de Pontevedra).

A Deputación de Pontevedra conmemorará o Día de Rosalía "como merece, ao grande", con senllos actos no Pazo Provincial o 23 de febreiro, ás 17.30 horas, e na sede de Vigo o 24 de febreiro, ás 19 horas. Será un espectáculo multidisciplinar conducido pola actriz Mónica Camaño, con ilustración, poesía e música.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada das responsábeis de Cultura e Lingua, Vitoria Alonso e María Ortega, presentou esta sexta feira os actos organizados pola Institución para homenaxear o "buque insignia da nosa cultura, da nosa lingua e das nosas letras", cuns actos que este ano volven contar coa colaboración da Casa de Rosalía e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

A programación prevista "homenaxeará á autora e porá en valor o seu papel como un dos primeiros referentes do feminismo na Galiza". A Deputación de Pontevedra lanza unha serie limitada de azulexos artesáns obra de Lucía Ares, da firma silledense 'Coas Mans Artesanía', que serán o agasallo institucional.

En Pontevedra, co acompañamento do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, plantarase nos xardíns anexos ao Pazo unha figueira filla da árbore monumental e singular dos tempos de Rosalía que vive na Casa da Matanza, en Padrón.

A continuación, no salón de plenos, Carme Adán lerá o manifesto da AELG. Repartiranse, como cada ano, exemplares de camelia e dos libros da Colección Cíes (dos talleres de poética de San Simón) 'A conversa expansiva' e 'Dicir unha illa'.

O artista Marcos Escudero, as poetas Alba Cid e María Lado, e as intérpretes Margarita Mariño e Alba Barreiro farán un recitado poético con música en directo e ilustracións feitas en area.

En Vigo, o acto repetirase o día 24 coa lectura do manifesto da AELG por parte de Xavier Queipo. Nos actos entregaranse flores da camelia e exemplares dos libros da Colección Cíes.

Concursos escolares

Ademais, o departamento de Cultura organiza unha nova edición do concurso escolar 'A nosa Rosalía' para centros de Primaria e Educación Especial, que teñen que realizar 'colaxes' feministas con materiais reciclábels sobre a vida e obra de Rosalía.

A Deputación tamén organiza unha visita guiada ao xardín de camelias do Castelo de Soutomaior o 23 de febreiro centrada na camelia Rosalía de Castro.

O departamento de Lingua desenvolverá máis actividades prolongadas no tempo como a segunda edición do programa 'Rosalía, a súa casiña, ou meu lareira' de visitas escolares a Cásaa-Museo e, en abril, instalarase no vestíbulo do Pazo provincial a exposición 'Nasín cando as prantas nasen. Ou herbario de Rosalía'.

Comentarios