Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2023

Reproducimos o manifesto que asina Carme Adán para a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) de cara ao Día de Rosalía.
Retrato de Rosalía de Castro asinado por Joseph Sellier.
photo_camera Retrato de Rosalía de Castro asinado por Joseph Sellier.

CUMPRIUSE A XUSTIZA

Salvádeme, berrei. Axudáime, berrei, berrei, berrei...
Rosalía de Castro

As palabras outorgan existencia. Nomeamos as cousas, os sentimentos, os desexos, as accións pasadas e as futuras. Nomeamos para compartir, para saber ou para coñecer o mundo. Nomeamos para vivir.

Mais as palabras son esixentes: requiren da nosa lectura, da nosa escoita, da nosa mirada atenta. Necesitan do silencio para ser comprendidas. Tal é o ruído do mundo que transitamos que as palabras non chegan aos ouvidos, non pasan de ser grafías sen sentido. No noso cotián os berros das desigualdades, as violencias e as inxustizas baten contra muros de ruído e ignorancia. Non escoitamos. Estamos xordas. Xordos de tanta información sobre a información da información. Non escoitamos nada, nin a ninguén. Alguén berra. Está lonxe. Está noutra rúa, noutra clase, noutra cidade, noutro país, noutra lingua. Noutra pantalla.

Os ollos tamén outorgan existencia. Ou deberían. Se cadra fixérono noutro tempo e agora, cansos de tempestuosas imaxes, non son quen de mirar. Din aquelxs que aínda teiman en escribir Filosofía, que a dixitalización fai desaparecer o outro como mirada. Afirman que acentúa o noso egocentrismo nunha obsolescencia programada do mundo, da alteridade que nos configura en humanos. Malia ter sempre os ollos conectados, atentos a unha luz que se ilumina na pantalla, conectados a outro golpe de información, a outra mensaxe, ao próximo “gústame”; renunciamos a mirar.

Rosalía ensínanos a mirar e a escoitar. É unha guía, por momentos unha amiga ou unha camarada, que nos acompaña entre poemas, novelas e ensaios para superar a banalidade ética do noso tempo. As súas palabras dan existencia a un mundo de inxustizas e opresións contra as mulleres, os pobres, a lingua galega ou os migrantes. O seu narrar é a escoita do noso mundo. En cada verso xorde unha interpelación para nós: que ou quen permite e lexitima as desigualdades, as vulnerabilidades impostas, as guerras, as violencias, os corpos esquecidos e desposuídos de valor. Os que teñen fama de honrados seguen practicando a violencia? A mocidade que migra vai como rosas... e como volven? Ou volven? Poderá deterse o fascismo que vai percorrendo o mundo? Hai guerras que merecen a nosa atención e outras condenadas ao esquecemento? Só o consumo será o pracer do futuro? Merece a natureza ser oída? Que é unha vida vivíbel? Cada interrogante ábrenos unha nova cuestión ata que nos topamos de fociños contra o noso propio muro de ruído e ignorancia: Onde están as nosas palabras?

Hai un eco de vellas derrotas que nos paraliza.

Volvamos escoitar… Aí vén unha meniña gaiteira!

Moito máis forte é o eco das vitorias. Un eco indomábel que chega ata nós dándolle forma de dereitos a palabras como igualdade ou liberdade. Palabras activistas. Palabras que se resisten a ser esquecidas ou usurpadas. A xustiza é moito máis que unha palabra, si. Moito máis. Non obstante, necesita das palabras.

“Que a man tembrosa no papel só escriba

palabras, e palabras e palabras!”

Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma?

Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?

Carme Adán
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

Comentarios