A Deputación de Pontevedra recibe 23 propostas de "talle mundial" para a rehabilitación de Santa Clara

César Mosqueira enxalzou a "enorme" calidade dos estudos aspirantes que demostran que "o concurso de proxectos funcionou moi ben, extraordinariamente ben" a pesar dos "ambiciosos e exixentes" requirimentos para poder participar.
Carmela Silva e César Mosqueira esta quinta feira (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Carmela Silva e César Mosqueira esta quinta feira (Foto: Deputación de Pontevedra).

A Deputación de Pontevedra recibiu un total de 23 propostas de estudos de arquitectura "de talle mundial", que aspiran a realizar a rehabilitación do convento de Santa Clara para o seu uso museístico.

Así o anunciaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente e responsábel do Museo, César Mosqueira, nunha comparecencia de prensa decorrida esta quinta feira na cal detallaron que estas 23 propostas proceden de distintas cidades e puntos do mundo: Tokio, París, Copenhague, Oslo, Berlín, Londres, Róterdan ou Braga, ademais doutras estatais e galegas.

Carmela Silva afirmou que o Goberno de Deputación está "feliz e moi sorprendido do enorme interese que mostraron os estudos de arquitectura máis relevantes do mundo e do inmenso número de equipos que se presentaron" á convocatoria.

Igualmente, César Mosqueira enxalzou a "enorme" calidade dos estudos aspirantes que demostran que "o concurso de proxectos funcionou moi ben, extraordinariamente ben" a pesar dos "ambiciosos e exixentes" requirimentos para poder participar.

"Fomos tan esixentes que puidemos pecar de exceso", engadiu a presidenta.

O vicepresidente destacou o gran número de profesionais involucrados nestas propostas e reparou nalgúns estudos presentados como o Kaan Arquitecten, Kengo Kuma, a Unión Temporal de Empresas (UTE) Big-Naves-Proskene, ou a UTE liderada polo arquitecto David Chipperfield, que acompañan outros máis próximos como Nieto Sobejano, Alfonso Penela ou César Portela.

Valoración

Nos próximos 15 días realizarase a valoración dos currículos e portfolios presentados e deixaranse só os cinco estudos de arquitectura mellor valorados, aos que se lles achegará toda a documentación técnica necesaria para que elaboren os seus anteproxectos nun prazo de tres meses.

A previsión, salvo que xurdan "perturbacións", é que o anteproxecto definitivo elixido polo xurado se dea a coñecer a principios do verán, para despois adxudicar a redacción do proxecto final, que debería estar finalizado a finais de ano para poder licitar a obra a primeiros de 2024, adxudicar na primavera e que a actuación estea lista en 2026.

"O que está a ocorrer con Santa Clara é que temos unha especie de anxo democrático que fai que todo salga", manifestou Carmela Silva porque "todo o que planificamos vai mesmo antes de tempo, o cal é moi sorprendente".

Para o financiamento deste proxecto de Santa Clara a Deputación segue buscando a cooperación da Xunta e do Estado e solicitará tamén fondos europeos.

Aínda que Carmela Silva adiantou que co compromiso da Administración, esta rehabilitación "será unha realidade si ou si, aínda que teñamos que afrontar todo o orzamento e mesmo se o temos que facer por fases".

Comentarios