A Deputación de Pontevedra homenaxea a Mariví Villaverde

A Deputación de Pontevedra realizou esta sexta feira unha homenaxe a Mariví Villaverde. A institución provincial presentou a reedición do seu libro 'Tres tempos e a esperanza' e estreou a curta documental 'Mariví, na pel da memoria'. 
María Ortega, no centro, coas participantes na homenaxe (Foto: Nós Diario).
photo_camera María Ortega, no centro, coas participantes na homenaxe (Foto: Nós Diario).

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, conmemorou esta sexta feira nun acto o centenario de Mariví Villaverde, unha muller “comprometida, símbolo para a loita memorialista no país, lembrando a súa vida, a súa obra, e moi nomeadamente a súa forza polo non esquecemento”. 

Por este motivo, a institución reeditou o seu libro Tres tempos e a esperanza, unha publicación descatalogada e difícil de conseguir, e estreou a curta documental 'Mariví, na pel da memoria', das directoras Coral e Laura Piñeiro

No acto participaron a deputada de Memoria Histórica María Ortega, as directoras e tamén o guionista do audiovisual, Bruno Arias, así como unha das principais biógrafas de Mariví, Marga do Val.

Entre o público estiveron tamén representantes da súa familia, como o seu fillo José Ramón, así como outras persoas que participaron na posta en marcha da homenaxe como ‘comité asesor’: Carme Vidal, Luís Bará  e Carlos Garrido

A deputada nacionalista María Ortega destacou que Mariví Villaverde é un “exemplo perfecto” do tempo do exilio, xa que tivo que marchar por ser filla do primeiro alcalde republicano de Vilagarcía de Arousa, Elpidio Villaverde, e da resistencia xunto á súa parella Ramón de Valenzuela.

No seu relatorio a biógrafa de Mariví, Marga do Val, destacou a importancia da reedición do libro Tres tempos e a esperanza, no que se escriben en primeira persoa as vivencias “dunha muller que tivo a sorte de ser quen era, na familia que lle tocou vivir, comprometida coa república, co pasado e a verdade histórica”.

Explicou Do Val que a publicación editouse por vez primeira en 1961 en Edicións do Castro. Xa en 2002, lembrou, fíxose a versión en lingua galega, na que se cambiaron os nomes dos personaxes do libro e se engadiu un epílogo.

Comentarios