Diversas institucións renden homenaxe a Mariví Villaverde

Continúan as conmemoracións polo centenario do seu nacemento.
A escritora homenaxeada, Mariví Villaverde. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora homenaxeada, Mariví Villaverde. (Foto: Nós Diario)

Continúan os actos en conmemoración polo centenario do nacemento da xornalista, escritora e intelectual Mariví Villaverde, que decorreu a pasada terza feira. Nada en Vilagarcía en 1922, Villaverde resultou unha das figuras máis importantes na recuperación da memoria histórica do exilio após a ruptura democrática que significou, para a Galiza e para o Estado español, o golpe militar de 1936 e a posterior represión franquista.

Na súa traxectoria vital, Villaverde foi unha das mulleres que máis traballou pola recuperación da dignidade das vítimas do franquismo. Con só 15 anos, Mariví tivo que exiliarse, primeiro a Burdeos (Francia) e despois a Bos Aires (Arxentina) polo perigo que corría o seu pai, Elpidio Villaverde, ex alcalde republicano de Vilagarcía e deputado durante o verán do 36.

Homenaxe a Mariví Villaverde

En recordo da súa figura e do seu labor, o Concello de Pontevedra, lugar onde a homenaxeada deixou unha gran pegada ao participar en diversas reunións que propiciaron as políticas de memoria, anunciou na terza feira -na efeméride- a creación dun premio literario, en colaboración coa editorial Cumio.

Así, o galardón Memoria Histórica Mariví Villaverde busca recoñecer obras literarias do xénero narrativo e ensaístico centrados na temática de memoria histórica.

Ademais, a Deputación de Pontevedra anunciou a súa decisión de reeditar a obra autobiográfica de Villaverde, Tres tempos e a esperanza, na que recollía diversos episodios da súa vida. Aliás, a institución tamén organizou a presentación dunha curta documental -dirixida por Coral e Laura Piñeiro- que narra a vida e loita de Villaverde, e que se proxectará o próximo 2 de decembro.

Pola súa parte, o Consello da Cultura Galega tamén incorporou a biografía da escritora ao seu Álbum da Galiza, un espazo dixital da entidade no que se atopan diferentes documentos, como cartas, e outros contidos arredor da autora.

Comentarios