A Deputación da Coruña entregará os seus premios culturais nunha gala no Teatro Colón

Presentárona esta segunda feira, 26 de febreiro, a deputada de Cultura, Natividade González; a condutora da velada, Sabela Arán, e Lucía Aldao, de Aldaolado, un dos dous nomes, canda Satélite Salitre, que lle poñerán música á noite.
Lucía Aldao, Sabela Arán e Natividade González.
photo_camera Lucía Aldao, Sabela Arán e Natividade González.

O Teatro Colón da Coruña volverá acoller a gran festa anual do departamento de Cultura da Deputación da Coruña. No teatro coruñés, o 16 de marzo, ás 19 horas, celebrase a gala dos premios culturais que a institución provincial convocou en 2023. Nas táboas ás que subirán as persoas e entidades galardoadas presentaron onte a gala a deputada de Cultura, Natividade González; a condutora da velada, a actriz Sabela Arán, e Lucía Aldao, de Aldaolado, o proxecto de musical e de poesía escénica que comparte con María Lado. 

A música das Aldaolado soará na cerimonia de entrega, na que tamén actuará Satélite Salitre, un dos que recollerán premio esa noite -peza deseñada pola escultora Soledad Penalta-, como gañador do Concurso Fran Pérez "Narf". 

"Esta gala", dixo Natividade González, "é a celebración do traballo colectivo e individual de creadores e creadoras, pois estes premios non só recoñecen o talento de cada un, senón que tamén impulsan o desenvolvemento cultural e artístico do país". "Pero, ademais", engadiu, "esta gala é un compromiso renovado co apoio da Deputación da Coruña ás artes e á cultura". 

Sabela Arán referiuse á concepción escénica da gala, na que a iluminación volverá ser protagonista. "Xirará arredor do concepto de luces de tempada, que quere simbolizar un pouco a transición entre o inverno e a primavera, con ese estoupido de cores e de luces, pero tamén de vida e de movemento; nun xeito de facernos reflexionar sobre a interacción entre a natureza e a creatividade humana". 

Da importancia da cultura e do traballo que desenvolve a Deputación falou Lucía Aldao. "A cultura é a expresión e xestión de valores dunha comunidade; e a través dela, de compartila, achegamos mensaxes e entendemos o contexto no que vivimos", afirmou. "Por iso é de celebrar que a administración facilite que o financiamento chegue a todas as capas do sector cultural".  

Os premiados son: César Cequeliños, Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega; Anna María Blasco e Jesús María Antón, Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua castelá; Alberto Ramos, Premio Rafael Dieste de teatro: Paula Mayor, Premio Castelao de banda deseñada, na modalidade xeral; Cristian Fojón, Premio Castelao de banda deseñada, na modalidade LIX; Berio Molina, Certame Isaac Díaz Pardo de artes plásticas; Juan Carlos Escudero, Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica; Francisco J. Reyes, Premio Luis Ksado de creación fotográfica; Rafael Fernández, Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil; Eduardo Soutullo, Premio Andrés Gaos de composición musical; Satélite Salitre, Concurso Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais; Blanca Paula Rodríguez, Premio Manuel Murguía de ensaio; Luz Fandiño, Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, galardón á traxectoria; e A Morada Nosa, sociedade cooperativa, Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, galardón á iniciativa. 

Comentarios