Contracultura

César Cequeliños: "Na novela vese o espírito de comezos do século vinte, a época dourada do ocultismo"

César Lorenzo Gil, o autor coñecido como César Cequeliños (Arbo, A Paradanta, 1977), vén de ser galardoado co Premio Torrente Ballester de narrativa, que convoca a Deputación da Coruña, pola súa novela Sábeme a salamántiga o ceo da boca, onde mestura o humor e as investigacións científicas de comezos do século XX coa situación histórica da burguesía viguesa da época.
O escritor Cesar Cequeliños (Foto: Xan Carballa).
photo_camera O escritor Cesar Cequeliños (Foto: Xan Carballa).

—De onde vén este título tan curioso?
A min sempre me interesou moito o período histórico no que está ambientada a historia, mais coincidiu que pouco antes de comezar a escribir lin un libro de crónicas dun portugués que visitara Vigo neses anos. Describía a cidade de maneira moi gráfica e tamén incluía algunhas historias que coñecera.

Unha delas estaba protagonizada por unha rapaza de Allariz, que comezou a estar moi enferma e parece ser que ao final tiña unha salamántiga dentro. É unha noticia que incluso saíu recollida nos xornais. Eu tiña claro desde o inicio que quería que fose unha historia de aventuras nas que o humor estivera moi presente. O que non contaba era que me levara 500 páxinas e que ía estar un ano traballando nela. 

—O xurado salientou precisamente incluír este elemento fantástico xunto con aspectos históricos
Unha vez decidín que quería ambientar a historia no ano 1905 evidentemente preocupeime de coñecer o que ocorría en Vigo. Nese momento era unha cidade moi dinámica. De feito, o que máis me chamou a atención é que nesta crónica se falaba de que a cidade estaba en obras. Isto viña provocado pola burguesía que naquel momento estaba eclosionando grazas á industria da conserva, a naval e demais, que son as que configuran o Vigo industrial que hoxe coñecemos. Non sei se chamalo fantasía: é certo que unha das protagonistas é unha vidente, mais na trama nunca queda claro se ela fai cousas fantásticas ou non. Interesábame moito que se vira o espírito da época.

É a época dourada do ocultismo xa que se presenta como un discurso científico alternativo, contrastando co racionalismo do século XIX. Hai que pensar que naquel momento aparecían cousas tan misteriosas como a electricidade e que de súpeto ao prender un interruptor se acendera unha lámpada situada a varios metros. Ou as ondas hertzianas que facían funcionar o telégrafo. 
Había unha serie de acontecementos científicos que naquel momento parecía que podían posibilitar outro tipo de feitos como a telequinesia. Houbo un momento no que isto se investigou nas universidades. O matrimonio Curie recibía na súa casa unha vidente que supostamente levitaba a mesa e eles tomaban notas, e eran persoas cun premio Nobel. 

Había unha serie de dinámicas que hoxe se considerarían pseudociencias ou cousas de frikis, mais que neste momento histórico tamén se investigaban como parte da ciencia. Isto non quita que non poida haber certos anacronismos na historia, aínda que intentei facela todo o verosímil que puidera.

Por exemplo, na novela hai moitos máis coches a motor en Vigo dos que seguramente habería na época, mais simplemente porque cando vin o que se tardaba en chegar en cabalo ou en dilixencias dun sitio ao outro non me daban as contas. Precisaba que os personaxes chegasen máis rápido. Aínda así preocupeime de que os coches que aparecen existisen nese ano e até verifiquei a velocidade á que ían. É certo que nalgún caso fixen que apurasen un pouco máis do que realmente podían, mais como digo intentei que non houbera cousas que sacaran da novela á persoa que a estea lendo. 

—Ao final a ciencia tamén require de experimentación
Iso por exemplo pasou coa psicanálise, que pasou de ter unha época dourada entre 1930 e a década dos 60, especialmente na Arxentina e nos Estados Unidos. Agora mesmo se considera unha pseudociencia.

A ciencia, para ser considerada así, ten que ir evolucionando de maneira que o que antes parecía real e demostrado resulta que ao final non o é, e ao revés. Hai cousas coas que hoxe temos unha certa precaución porque aínda non están demostradas e quizais co tempo e coa práctica científica terán outro status. Se non, estariamos a falar dun dogma, que é o antagonismo da ciencia.

Comentarios