Contracultura

Rafael Fernández: "Sorprendíame que o Amazonas non se nomeara nalgunha das linguas autóctonas"

Rafael Fernández foi galardoado co Premio Raíña Lupa pola súa obra 'As pedras verdes', que xira arredor da conquista de América tratando temas como a violencia, a vulnerabilidade e o medo.
As obras de Rafael Fernández están traducidas ao éuscaro, portugués, catalá e castelán. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As obras de Rafael Fernández están traducidas ao éuscaro, portugués, catalá e castelán. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu a súa investigación para crear a historia de As pedras verdes?
A historia vén dun proceso bastante lento. Chamábame a atención por que o Amazonas se chamaba así e por que non levaba un nome nalgunha das linguas indíxenas autóctonas. Esquecinme do tema, mais pouco despois seguín indagando e atopei que estas amazonas ás que fai referencia o nome están situadas en Europa e Asia, así como referencias do propio Colón que sinalaban a existencia de tribos de mulleres que non permitían a entrada de homes. Todo isto serviume de punto de partida para comezar a escribir algo, aínda que era un proxecto que requiría de moita documentación. Hai que ter en conta que hoxe en día hai 115 tribos, localizadas, que viven afastadas do que poderíamos chamar o mundo do home branco.

Investigando sobre esta cuestión do Amazonas dei con varias autoras que falaban dunha tribo que vivía na confluencia de dous afluentes deste río e inspireime  tamén neste contexto. Case todo o que conto está baseado en feitos históricos, aínda que sabemos que a historia sempre a contan os vencedores.

—Custou levar a cabo ese proceso de documentación?
Podo pór un exemplo moi gráfico. Fixen o Abecedario de Carvalho Calero (Morgante Edicións) e descoñecía practicamente a súa figura. Cando empecei a investigar deime de conta de onde me metera e houbo un momento no que incluso pensei en deixalo porque era algo que me superaba. Neste caso pasoume un pouco o mesmo, o que pasa é que son bastante teimudo e así seguín indagando no tema. O problema máis ben foi despois darlle forma a toda a documentación que tiña.

—Ao final pagou a pena, non?
É moi difícil publicar, por iso recorremos en moitas ocasións a presentarnos a premios. Eu simplemente me teño presentado a algún premio coa intención de que alguén o lea e lle guste, non tanto de gañar. Desta maneira, algunha persoa do xurado pode estimar que, aínda que non resulte unha obra gañadora, pode ser interesante de editar. Por iso tamén me sorprendín moito ao recibir este galardón. Tamén entendo que nestes momentos as editoriais teñen mancheas de libros, e intentar facer unha peneira é realmente complexo. Non se trata de culpar  ninguén, ao contrario. 

—Con respecto ao argumento, como foi tecendo toda a documentación coa que contaba?
O esqueleto do libro, o fío que une todo, é un neno que vive nunha aldea á beira dun río co seu pai e as súas amizades. El quere saber que pasou coa súa nai polo que comeza a pescudar para intentar atopala, porque cada vez que lle pregunta a seu pai, el elude as preguntas, non quere contestar. Así, este rapaz vai co seu amigo inseparábel intentando descubrir a verdade. A todo isto hai que sumarlle que a historia sucede no momento no que chegan os invasores e conquistadores españois. Non quero contar máis para non desvelar máis cousas da historia e que a persoa que a lea vaia descubrindo. Si que podo dicir que hai moitas curiosidades. Por exemplo, a ausencia de pontes do río Amazonas e como varía a súa anchura, que vai desde case dous quilómetros a 190 nalgúns sitios.

Ademais, a aventura deste rapaz está moi mesturada coa maxia e o folclore, coas paisaxes que hai na selva e algún romance tamén. A cuestión do folclore foi algo que a min me sorprendeu gratamente porque é algo que aínda se vive con moita forza. Imaxino que unha persoa que non coñece a mitoloxía galega e que de súpeto se atopa co Dicionario de seres míticos (Xerais) debe parecerlle algo sorprendente. A min pasoume isto coa mitoloxía destas tribos, que é totalmente distinta á nosa.

O protagonista e o seu amigo chegan a entrar en contacto con esta serie de elementos, porque el pensa que a súa nai pode ser unha destas mulleres que viven en tribos exclusivamente femininas, mais non ten a seguridade e aínda que a tivera non podería achegarse a ela.

Comentarios