Contracultura

Pilo Sierra: "A nosa travesía é unha metáfora da viaxe vital que nos trae de volta á Galiza, á lingua e ao mar"

Pilo Sierra (Compostela, 1978) integra xunto co cuarteto de cordas Suelen Estar Quartet, LAR Legido e Pablo Sanmamed a banda Satélite Salitre, que vén de ser galardoada co Premio Narf.  
O músico Pilo Sierra compón e pon a voz nos temas de Satélite Salitre (Foto: Cris Andina).
photo_camera O músico Pilo Sierra compón e pon a voz nos temas de Satélite Salitre (Foto: Cris Andina).

—Sendo Satélite Salitre unha homenaxe ao propio Narf, como reciben este premio?
Xa o feito de que nos escolleran entre máis de 50 proxectos foi algo incríbel, ademais tendo en conta que o noso aínda non está gravado, senón que presentamos unhas maquetas co obxectivo de obter máis visibilidade. 

O verán de 2022 xa fixeramos unha presentación ao vivo do proxecto completo, aínda que xa se viña xestando desde antes da pandemia, entón para nós presentarnos a este premio era unha maneira de materializalo e seguir facendo camiño de cara a amosalo e crear expectativa. 

O plan agora mesmo é gravar o disco neste inverno e poder presentalo a partir do ano que vén. O noso proxecto é un agasallo á memoria de Narf, un intento por resoar no universo musical tan amplo que nos ofreceu. Algúns de nós colaboramos con el e eu nomeadamente tíñao como un referente. Varias cancións xa existían antes do seu falecemento e mesmo chegamos a falar delas xuntos e outras xurdiron utilizando todas as emocións que chegaron despois da súa perda. Satélite Salitre é un agradecemento a todos os camiños que abriron tanto el como os seus compañeiros de xeración.

—Como xurdiu esta mestura de integrantes?
Nos últimos 15 anos eu fun medrando facendo músicas para documentais, formando parte de varios proxectos, e comecei a buscar a miña propia voz. Tiña a necesidade de escribir en lingua galega e de facer músicas que reflectiran ben o meu universo, que tamén é bastante ecléctico. Foi un camiño longo no que o propio Narf me apoiou. Despois da súa perda non quería facer moi explícita esta cuestión, mais ao final asumín que tiña esta débeda, mais porque xa a tiña tamén cando el estaba vivo. Suelen Estar Quartet non é un cuarteto de cordas ao uso, é xente que ten a formación clásica, mais que se moven máis no contemporáneo, no performativo e vangardista. Querían facer unha cousa menos experimental, máis baseada en cancións, mais aportando esa apertura tan grande que teñen á hora de enfrontar os seus instrumentos. 

Valoráronme a min como compositor e esa foi a proposta, integrando tamén a batería de LAR Legido. Propuxémoslle facer os arranxos a Pablo Pérez Sanmamed. Todos os implicados somos creadores individuais polo que había moita forza, mais require moito diálogo. 

Por outra parte, tamén estaba a idea de facer música con instrumentos centenarios, no caso das cordas, mais levados a un contexto contemporáneo. Estamos bastante subxugados pola dixitalización e as intelixencias artificiais e creo que é o momento de apostar polas intelixencias naturais e polo insubstituíbel que é un concerto en directo e os sons que fan instrumentos que non precisan ser amplificados nun teatro. 

O fío condutor das nosas cancións é a idea da viaxe: unha nave que navega polo mar, o espazo, o tempo... Hai moita alusión á natureza e todo segue unha metáfora da viaxe vital e dunha viaxe que sempre nos trae de volta á Galiza, á lingua e ao mar. É unha navegación a cegas confiando en que esa lingua e ese mar nos han de comunicar con outros lugares e xentes. 

—Cales son os próximos plans para o proxecto?
Agora mesmo xa temos unha travesía pensada, que son 12 cancións. Con todo, si que hai algúns temas que estamos traballando, que teñen que ver co universo do proxecto, mais que tamén teñen entidade en si mesmas e que non as quero intentar encaixar nisto que xa temos pechado. A idea é que quizais nos poidan servir para facer un bis ou similar de cara aos concertos que daremos en festivais.

Para min atopar Narf e as compañeiras coas que colaboro neste proxecto foi moi inspirador. Tamén a maneira de tecer lazos entre nós, porque foi o propio LAR Legido quen me presentou Narf e quen me dixo que tiña que coñecelo si ou si. Eu non podería imaxinar estas músicas sen as persoas que me acompañan e quero seguir investigando este universo que creamos. 

Comentarios