domingo 12.07.2020

A acumulación de lixo impide acceder a unha das poucas covas dos Ancares onde se documentou presenza humana na prehistoria

Patrimonio dos Ancares prepara un informe dirixido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta e ao Concello de Becerreá para que "se proceda á retirada do lixo" que se acumula no acceso á cova de Furco.
A Cova de Furco chea de lixo (Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A Cova de Furco chea de lixo (Colectivo Patrimonio dos Ancares).

O colectivo Patrimonio dos Ancares denuncia o estado no que se atopa a Cova de Furco, en Becerreá, considerada Patrimonio desde 1991, á que resulta imposíbel acceder debido á acumulación de lixo.

Integrantes deste colectivo achegáronse esta terza feira á cova para comprobar o seu estado coa finalidade de solicitar que a Xunta e o Concello acometan os traballos arqueolóxicos para determinar a antigüidade dos distintos períodos de ocupación deste espazo nos Ancares.

Alí puideron comprobar que "a boca da cova foi utilizada ao longo dos anos para depositar unha enorme cantidade de lixo, o que impide practicamente o acceso ao interior".

Polo que xa están a preparar un informe dirixido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta e ao Concello de Becerreá para que "se proceda á retirada do lixo, solicitándolle tamén que se acometan os traballos arqueolóxicos para estudala e poñela en valor".

Explotación dunha canteira

Este grupo de defensores do Patrimonio traslada a Nós Diario que no ano 2000 a Consellaría de Industria "ditou unha resolución pola que se fixo pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da canteira de Furco, onde se localizaban varias covas, estabelecéndose unha serie de cautelas arqueolóxicas como o control de voaduras, prohibición de explanacións e amoreamentos".

Desta maneira, sinalan que "a explotación desta canteira xa provocou no seu momento a destrución total dun dos castros máis espectaculares, pola súa tipoloxía, da comarca dos Ancares". E salientan que a Cova de Furco, xunto coas de Valdavara, tamén en Becerreá, "son as únicas onde se ten documentado a presenza humana na prehistoria, o que as fai especialmente importantes" entre as covas existentes na comarca dos Ancares.

Así mesmo, apuntan sobre a Cova de Furto que "nos anos trinta do pasado século XX, o mestre do Cereixal, en Becerreá, don Gonzalo Martín March, e o estudante Blas Ferreiro, atoparon anacos de hasta de animais, ósos humanos e varias pezas metálicas, entre outras unha maza e un puñal de antenas de bronce que foi publicado polo historiador Ángel del Castillo no Boletín da Real Academia Galega no ano 1936, e que datou entre o 700-500 antes de Cristo".

comentarios