Cultura

Tecnoloxías de baixo custo que revelan os segredos dos petróglifos e outros misterios

A fotogrametría pode facilitar a defensa a nivel amador do patrimonio
maxes aéreas dunha ponte tomadas pola empresa UAV Galicia, que une as tecnoloxías da fotogrametría e o uso de drons.
photo_camera maxes aéreas dunha ponte tomadas pola empresa UAV Galicia, que une as tecnoloxías da fotogrametría e o uso de drons.

Aínda que para moitas persoas a palabra fotogrametría soe a tecnicismo sen interese, esta disciplina resulta fundamental para moitos eidos, entre eles o estudo do patrimonio arqueolóxico e arquitectónico, e xa non só a nivel experto. O termo fai referencia a técnicas que permiten coñecer as dimensións dos obxectos no espazo a partir da toma de imaxes. Unha definición que, trasladada a eidos non profesionais, supón unha oportunidade moi boa para a catalogación de bens con especiais utilidades nos petróglifos. Por iso, Simón Peña estudou técnicas de aplicación de baixo custo que permiten escanear obxectos en tres dimensións mediante fotografías, a fin de poder virtualizalos e coñecer as súas características tanto visuais como métricas.

"As técnicas de modelado 3D ou de adquisición de datos como a fotogrametría permiten obter a baixo custo unha documentación xeométrica do patrimonio moito máis completa e rigorosa que as que se obtiñan coa metodoloxía tradicional", explica Peña a Nós Diario. A súa tese centrouse nuns fluxos de traballo que amosan a posibilidade de se desenvolveren, en determinadas circunstancias, de maneira colaborativa por parte de profesionais e amadoras con medios e coñecementos limitados.

Uso non profesional

O feito de poderen empregar a fotogrametría "non expertas nesta tecnoloxía amplía moito o abano de usuarias", co que se pretende fomentar o seu uso por parte de asociacións e colectivos que moitas veces son as que levan a vangarda na catalogación e defensa de patrimonio en estado de abandono. "Na Galiza hai, por exemplo, moitos petróglifos que diversos movementos sociais loitan por conservar e proporcionarlles ferramentas para que o seu labor sexa o máis concreto posíbel é interesante", argumenta Peña. As técnicas de baixo custo pasan, por exemplo, polo uso de cámaras fotográficas de teléfonos móbiles e de software gratuíto de procesamento na nube.

Peña é topógrafo, mais sempre lle interesou a arqueoloxía. Da unión do profesional e o amador, comezou a interesarse polo modelado 3D de petróglifos, do que finalmente desenvolveu a tese.

Petróglifos

"Nos petróglifos é aínda máis interesante que en calquera outro tipo de patrimonio, porque os modelos 3D sacan á luz motivos que a simple vista non se aprecian", argumenta Peña. Os fluxos de traballo que describen os seus estudos melloran os resultados e rendementos de técnicas a priori máis avanzadas, como o láser escáner. O traballo completo mediante software aberto antes mencionado, baseado na aplicación de fotogrametría Structure from Motion (SfM), xera realces e vectorización automática que poderían documentar un número elevado de petróglifos nun período curto de tempo, ademais de dar de modo obxectivo con gravados de arte rupestre que os métodos tradicionais non conseguen detectar. Esta proposta de traballo colaborativo abriría a posibilidade de rexistrar os máis de 3.000 achados desta sorte que hai catalogados actualmente na Galiza, para alén dos que quedan por sinalar.

UAV Galicia

Finalizado o doutoramento, Peña emprendeu creando UAV Galicia, unindo a técnica da fotogrametría coa posibilidade de tomar imaxes desde o ar mediante drons, que presenta un espectro de posibilidades moi amplo desde o eido da topografía. Entre os vídeos de presentación da empresa, atópase un videoclip de De Lombaos, "Lingua encadeada", co que abren tamén o mercado a estes produtos audiovisuais. 

Comentarios