xoves 28.05.2020
CULTURA

Davide Salvado: "A función dun creador tiña que estar moito máis valorada a nivel político"

Participa este sábado na inciativa As Letras na rede, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, cunha actuación que poderá verse a través da canle de Youtube da institución.
O artista Davide Salvado.
O artista Davide Salvado.

A Davide Salvado o confinamento colleuno nun bo momento, en plenos arranxos na casa, tocáballe plantar a horta e este traballo permitiulle non ter unha sensación de encerro. "Afectoume moi positivamente. Estou encantado sen ter esa necesidade imperiosa de saír aos sitios, porque basicamente non se pode, e entón non teño esa necesidade de comprar, comprar e comprar", explica. 

"Para min foi fantástico. Para min. A pena é que fora tan desagradábel para tanta xente, sobre todo para as doentes", di, consciente de que mantén unha actitude positiva a pesar de que se atopa sen traballo pola crise do coronavirus. 

As actuacións que xa tiña fechadas canceláronse ou adiáronse para 2021, mais outras xa nin apareceron. "Funcióname moito que me contraten para festas pequenas, que te avisan unha semana antes ou así, e diso xa non saíu nada", sinala.

"Profesionalmente falando é verdade que estou sen traballo. Aínda que tampouco me preocupa tanto. Vou intentar centrarme no próximo disco e na miña casa", salienta, pois non quere centrarse no negativo: "Xa hai moita xente que o fai e non vou ser eu quen o faga". Ademais, pronto sairá á luz un proxecto no que volve traballar con Abe Rábade.

Salvado prefire enfrontar esta situación excepcional "como algo moi bo para o Planeta, para o consumo, para cambiar bastantes mentalidades, e para ver que as cousas poden cambiar dun día para o outro e hai que estar atento e desfrutar". 

Volver a un escenario

Nos últimos días tivo a oportunidade de subirse de novo a un escenario para participar na iniciativa As Letras na rede, impulsada pola área de cultura da Deputación de Lugo, cunha actuación que poderá verse este sábado. "O concerto foi moi bonito e a xente do equipo moi profesional", salienta.

Conta que foi "inquietante" estar no Auditorio Gustavo Freire de Lugo e "cantar para un público que non está". "Estar nun Gustavo Freire totalmente en negro foi raro, pero a min gustoume porque o vivín como se fora unha especie de performance ou como se estivera gravando un videoclip". 

Celebra que existan propostas como esta e que haxa un apoio manifesto por parte das Administracións públicas cara á cultura. Porén, Davide Salvado incide en que "é algo que é importante agora, pero tamén o era antes". 

"Non é nada novo que o colectivo de artistas estemos nun lugar como máis apartado que o resto porque sempre foi así. Polo menos na Galiza, e en España, non estamos valorados como deberiamos. A función dun creador, dun artista, dun actor, dun cantante, de calquera que se dedique á arte e a facer rir, sorrir e emocionarse á xente tiña que estar moito máis valorada do que o está a nivel administrativo e político", reflexiona.

"Que imos pedir? Que agora de repente nos recoñezan o noso labor e que nos apoien cando nunca o fixeron? Paréceme un pouco unha quimera, sinceramente. Eu non espero nada, a verdade. Gustaríame e encantaríame que cambiaran as cousas, pero non me parece que vaia pasar", agrega.

Vencello co público

Neste tempo non se esqueceu do seu público, el foi un dos que decidiu aportar o seu gran de area para animar á xente neste confinamento nunha sorte de concertos en directo que tamén serviron para tecer rede co seu público. "Sabía que estaban nas casas confinados sen poder saír e quería estar un pouco cerca deles", relata, "a verdade é que foi un éxito, non sabía que ían ser tan vistos, incluso a xente colaborou economicamente". 

"Foi emocionante para min porque non me esperaba esa resposta do público", confesa, pois nesas actuacións virtuais a través de Facebook logrou chegar tamén a xente que non o coñecía como artista.

"Foron concertos moi cercanos, estás na túa casa, vestido como estás na casa, amosando a túa intimidade dalgunha maneira. Case todos os fixen coa miña parella ademais, que estaba comigo como cando estamos na casa facendo música con amigos. Iso crea unha enerxía e un vínculo emocional máis forte aínda que sexa a través dunha pantalla".

Esa cercanía que tanta xente lle agradeceu nestes dous meses, nos que cada domingo á noitiña se conectou desde a súa residencia no rural para levar a súa música até outras casas. "Foron concertos moi honestos, eu cantaba o que me parecía e falaba un montón do que está a pasar, dos meus animales, da miña relación, da poesía, do xardín... e foi bonito, a verdade". 

comentarios