domingo 31.05.2020

Letras en rede: espallar cultura en tempos de coronavirus

A iniciativa da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ofrece a través de Youtube e redes sociais actuacións, monólogos e outras propostas. Ao longo desta semana. 

Davide Salvado nun concerto
Davide Salvado nun concerto

As Letras en rede é unha das iniciativas activadas desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo para sumar homenaxe do Día das Letras Galegas co pulo ao pulso cultural da provincia. Esta programación en liña inclúe unha decena de actuacións musicais e escénicas.

Davide Salvado, Raiceira, Ugia Pedreira, Pepe Vaamonde, Mamá Cabra, Micromina Títeres, Ana Carreira, Lois Pérez, Olga Novo e Marina Oural fan parte deste ciclo cultural en rede, que poderá seguirse nas redes sociais e na canle de Youtube da Vicepresidencia da Deputación de Lugo (@vicedepulugo) entre 17 e 27 de maio ás 19:00 horas.

A iniciativa, na que colaborou a área de Cultura do Concello de Lugo, pretende segundo as impulsoras trasladar ás redes o carácter reivindicativo e lúdico que acompaña a celebración do Día das Letras Galegase apoiar as profesionais da cultura, “un dos sectores que está a sufrir o impacto da crise da Covid 19 pola suspensión dos espectáculos ao vivo”.

Ademais das artistas -músicas, actores, actrices, narradoras e poetas-, que volveron actuar despois de semanas sen actividade, a programación involucrou unha decena de profesionais que traballaron na produción e realización das actuacións, gravadas durante esta semana no auditorio do Gustavo Freire.

Apoio ao sector cultural

A vicepresidencia da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “malia estarmos nunha situación excepcional non podiamos deixar pasar esta data central na reivindicación da lingua e da cultura propias, e pensamos que a mellor maneira de celebrala era dando este espazo para que os profesionais da música, no teatro, da narración e do audiovisual en galego amosen a súa creatividade e o seu talento”

As Letras en rede ofrecerá ao longo de dez xornadas espectáculos en liña pensados para todas as idades, con atención tamén para o publico máis novo con espectáculos para público infantil e familiar.

comentarios