Cultura

Cultura galega para pasar a corentena

Fronte ao aborrecemento de pasar dúas semanas pechadas na casa, a cultura galega reacciona con propostas orixinais e diversas que teñen lugar, fundamentalmente, a través das redes.
Davide Salvado nun concerto
photo_camera Davide Salvado nun concerto

Van apenas uns días de reclusión nos fogares galegos e as opcións culturais de que facer neste encerro multiplícanse. Entre a incerteza do que pode supor para o sector no económico, non faltan as mostras de solidariedade, procurando ofrecer entretemento e distracción fronte ás xeiras de corentena que se aveciñan. Así, atopamos propostas do máis diverso que non deixan de medraren e espallárense por internet, esa eutopía que nestas circunstancias semella manternos tan conectadas coa realidade, baixo o cancelo #ficonacasa.

Teleconcertos

Como o directo non hai nada, ben o sabemos, pero a falta de broa... Unha das primeiras iniciativas en ofrecer streaming musical é o ciclo Músicas de Sofá, que aproveitou para pór en marcha un Especial Corentena.

Lembremos que este programa, malia un nome tan acaído que case semella creado ex profeso, naceu xa hai anos como un ciclo de música na rúa no que os escenarios eran unha reconstrución dun salón, que durante dous se repartía por diferentes puntos da vila do Carballiño. Porén, desde o pasado sábado 14 sufriron unha reinvención para se adaptaren ás novas circunstancias de mobilidade limitada e trouxeron os salóns dos artistas ás casas das espectadoras.

O formato escollido foi unha sesión vermú a través de retransmisións en directo nas que participaron en acústico as artistas High Paw -guitarra en man nun formato insólito-, Davide Salvado -desde a súa residencia no rural- e Najla Shami -que confesaba ser a primeira vez que facía unha transmisión desta sorte.

Músicas no Sofá propón un sistema optativo de "entrada inversa", no que as persoas espectadoras poden pagar un billete a vontade

Músicas no Sofá propón ademais un sistema optativo de "entrada inversa", no que as persoas espectadoras poden pagar un billete a vontade para as intérpretes a través dunha conta de Paypal. Desde a plataforma tamén difunden diariamente o espazo Novidades Petriña, no que Petra Porter repasa con humor as novas de actualidade.

Ante as cancelacións de concertos, cantantes como MJ Pérez quixeron compensar as súas seguidoras partillando tamén un pouco de música nas redes. Outras artistas, como Guadi Galego, xa prometeron a nivel individual facer o mesmo durante os próximos días, para tornar máis levadía a reclusión.

"O campo da festa no teu Instagram", brincan desde a organización de Son da Casa

A iniciativa de Músicas de Sofá séguelle xa de preto Son da Casa, un festival de música en galego para os días 20 e 21 de marzo. "O campo da festa no teu Instagram", brincan desde a organización, facendo alusión ás vantaxes do "baño sen colas". Sen grupos aínda confirmados, arredor desta conta de Instagram soan nomes como Verto, Terbutalina, Ataque Escampe, Baiuca ou Sés, mais segundo contan está a ser difícil coordinar, especialmente por mor daquelas formacións grandes que non se poden xuntar. 

Foliada virtual

Na tarde de onte, Músicas de Sofá trouxo un obradoiro de baile tradicional da man de Artur Pastoriza Puga, seguido ás 19 horas dun concerto de Gabi Reboredo no que pór en práctica o aprendido. Antonio Prado, ante o parón do sector, tamén comezou a subir vídeos para aprender baile tradicional durante a corentena.

A Foliada na Cozinha podería ser a primeira festa desta sorte de maneira telemática

Ao abeiro dos cursos de baile da Gentalha do Pichel, a asociación cultural decidiu programar a Foliada na Cozinha, na que ben podería ser a primeira festa desta sorte de maneira telemática. Nun evento creado en Facebook animan as participantes a subiren vídeos bailando, tocando ou cantando, a vindeira cuarta feira 18 de marzo ás 20 horas. A proposta opta por recuperar, mesmo en tempos de reclusión, esa dimensión da festa comunal que antes, para alén dos torreiros, tamén tiña lugar no espazo doméstico

Argallando alternativas

Desde a web novocinemagalego.info, en coordinación con diferentes creadoras integradas no movemento, xa artellaron unha escolma que celebra os 10 anos da etiqueta liberando até o de agora 15 filmes, entendendo que esta pode ser unha ocasión para explorar esa face menos coñecida que situou o noso audiovisual na vangarda internacional, a través dun ciclo a vontade que recolle Vikingland, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser ou Todos Vós Sodes Capitáns.

Ao repositorio da Rede Nasa, na que xa se atopan unha importante parte da produción da compañía Chévere, súmase, por exemplo, Voadora, que o pasado 13 de marzo subiu á súa canle de Youtube algunhas das súas últimas obras.

Pola súa banda, a cooperativa Urdime está a incubando "Cantos e contos desde o Poleiro", o que promete ser un festival online de música e narración, do que polo momento prefiren non desvelar máis. Desde Leite Edicións tamén prometen dinamizar o tempo baleiro partillando a obra dunha poeta cada día. E a editora Kalandraka vén de facer a súa achega divulgando un vídeo na súa canle de Vimeo de Xosé Ballesteros contando O coelliño branco.

Estas son só algunhas das primeiras manifestacións dunha cultura viva que, mesmo desde a casa, continúa a argallar para que ninguén pase fame de arte.

Comentarios