Dani de la Torre: "Chamáronme de Hollywood para facer proxectos alí"

Dani de la Torre é un monfortino que entra esta sexta feira nas carteleiras ao grande cun thriller con tintes sociais: 'El desconocido'.

eldesconocido
photo_camera O equipo de 'El Desconocido'. No centro, Dani de la Torre.

Dani de la Torre era un descoñecido para o gran público galego a pesar de ser autor de numerosas pezas e multipremiado por algunhas das súas curtametraxes. Esta sexta feira presenta a súa primeira longametraxe nas salas de todo o Estado. 

- Como consegue alguén implicar a Emma Lustres, a Warner e Luís Tosar para a súa ópera prima
- Levoume dous anos. Entregueille un tratamento da historia a Vaca Films e a verdade é que foi bastante complicado, pero gustoulle moito o proxecto e tamén a Tosar. Despois animáronse a facela, contrataron a Alberto Marini, xuntos fixemos o guión e logo entrou A3Media e a Warner e xa foi máis rodada a cousa. 


- Co díficil que é rodar nestes momentos, o filme xa é un éxito antes da estrea. 
- Para min é un soño non só facer o filme, senón poder traballar con Luís Tosar, Emma Lustres, Goya Toledo... rodar na miña terra, coñecer un equipo técnico marabilloso, que fixo posible eses planos imposibles que eu lle pedía. Todo é un soño e estou moi contento de poder facela.


- Que se sinte cando máis de 2.000 persoas che aplauden no Festival de San Sebastián?
- Sentíame como Sandra Bullock en 'Gravity' (risas). Eu non estou afeito a esas cousas e é fantástico que a xente se emocione co teu traballo e te trate con este cariño. É moi emocionante e tes que vivilo para sentir o que é. Algo así non me pasara antes. 


- Parece un filme americano, con explosións, persecucións e cunha produción que non é habitual no cinema peninsular. 
- O filme ten un orzamento medio para un filme español: dous millóns e medio, pero vai moi ben optimizada e os produtores creo que dimensionaron moi ben a produción. É unha peli moi complicada porque ten planos complexos, ten explosións, persecucións... Foi un esforzo moi grande, pero os americanos pódense permitir o luxo de rodar moito máis tempo e facer as secuencias de acción moito máis longas. O que pasa é que este filme ademais de ser un filme de acción é unha grande historia, cun contido social moi potente e moi cercano a todos nós.


- É un milagre que algo como o que acontece no filme non pasara realmente nesta crise...
- Si que é incrible. Os gobernos deberían estar contentos da  sociedade exemplar que temos. A maioría da xente protestou civicamente e o malestar manifestouse con tranquilidade. Iso narra o tipo de sociedade e o comprensvivos que chegamos a ser. Que tomen nota e que nos expliquen as cousas cando pasan e que os culpables deste tipo de estafas financeiras que paguen con cárcere e que devolvan todo o que roubaron, está claro. 


- Ti dicías que todos aloxamos un monstro dentro de nós. 
- De aí vén o título. Eu creo que máis ben todos aloxamos un descoñecido dentro de nós O problema é non poñerse no pelexo dos demais e tomar decisións sen pensar nos demais.  


- Afirmas que non queres dogmatizar. Non querías facer unha peli social clásica...
- Eu o que quería é que houbese un contexto social moi potente, que houbese unha crítica social grande, pero non ao stablishment, que iso xa se fixo. O que me interesa a min é unha crítica ás persoas, ao que levamos dentro, ao que somos capaces de facer por manter un status. O máis bonito que me gustaría que lle pasase á xente ao ver o filme é que recapacitaramos, que ás veces somos demasiado egoistas, non medimos a dureza e a importancia das decisións que tomamos. Nós podemos cambiar as cousas, non os bancos nin os gobernos, son as persoas, quen cos nosos actos diarios podemos cambiar as cousas. Para min o principal de todo isto é que iso se consiga. Que a xente se poña no pelexo dos demais á hora de tomar decisións que lle poidan afectar a tanta xente. 


- Que vai pasar con Dani de la Torre despois deste primeiro filme? Supoño que será moito máis doado argallar novos proxectos...
- Interese hai, pero dependerá de como funcione na billeteira. O filme estréase hoxe, eu agardo que vaia moi ben, ogallá, e iso daranos azos para tirar e poñer en maracha outros próxectos. A longo prazo, estamos xa facendo máis proxectos, mesmo en Estados Unidos, e a medio prazo, incorporarme ao meu posto na TVG, seguir traballando nun novo guión que estou facendo con Vaca Films e A3Media a medias con Alberto Marini. Vai ser un thriller moi intenso, con un trasfondo social moi potente, que esperamos rodalo a finais do ano que vén. 


- Seica vos chamaron de Hollywood. É así?
. Efectivamente, chamáronme varios axentes internacionais para ofrecerme varios proxectos e estou en conversas con dous deles de Los Angeles para facer proxectos en Estados Unidos, pero iso sería a longo prazo, porque agora o que me plantexo é facer outro filme aquí e seguir evolucionando como profesional, ter os pés na terra e se xurde o tema en EEUU, farémolo evidentemente, sería un soño e tamén unha experiencia espectacular. Pero pouco a pouco porque as cousas teñen que ter a súa xusta medida e, por agora, imos disfrutar deste filme, espero que guste moito nos cines. 

Comentarios