CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"El Desconocido", un gran filme de acción nas rúas da Coruña

O noso crítico de cabeceira, Andrés Castro, asistiu esta quinta feira á pre-estrea da ópera prima do director monfortino Dani de la Torre. Pasen e lean o que viu.

El Desconocido
photo_camera Fotograma do filme

EL DESCONOCIDO

(España 2015, 102 min.)
Dirección: Dani de la Torre
Guión: Alberto Marini
Fotografía: Josu Inchaustegui
Música: Manuel Riveiro
Elenco: Luís Tosar, Goya Toledo, Javier Gutiérrez, Fernando Cayo, Elvira Mínguez, Luís Zahera, Ricardo de Barreiro, María Mera, Antonio Mourelos, Camila Bossa, Xosé Barato, Carolina Vázquez, Daniel Currás, Marco Sanz, Fran Peleteiro, Pedro Alonso

SINOPSE

Carlos, executivo de banca, comeza a súa rutineira mañá levando aos fillos ao colexio, cousa que adoita facer a súa muller. Cando acende o coche, recibe unha chamada dun descoñecido que lle anuncia que ten unha bomba baixo o asento e que debe reunir unha elevada cantidade de cartos se non quere que o coche estoupe.

CRÍTICA 
Moita expectación había arredor da fita de Dani de la Torre xa desde a súa rodaxe polas rúas de A Coruña a finais do verán pasado. Aínda lembro aquela nova que corría como a pólvora de que “caeu un coche na dársena!” ... “que va, pero se é unha película” ... “seguro?”. Pois si, era. Tratábase dunha das tantas secuencias de acción de El Desconocido. Qué emoción, a miña cidade natal convertida nun verdadeiro escenario de cine ao máis puro estilo Hollywood: coches derrapando, persecucións, helicópteros... As expectativas fóronse elevando pola súa participación no Festival de Venecia e, máis recentemente, no de San Sebastián. Certamente tiven que irme autosuxestionando durante días para non estar condicionado no visionado, o cal soe ser desastroso para a conclusión final. Para ben ou para mal, claro... Pois ben, hei de dicir que non me defraudou en absoluto. Un gran filme de acción onde hai cabida para o drama, a intriga e a denuncia sobre un dos temas máis controvertidos dos últimos anos e que Dani de la Torre rescata dunha maneira moi intelixente para que endexamais se esqueza.

"Dani de la Torre amosa un gran oficio e grande habilidade para tensar a corda até o punto de levar ao espectador ao límite"

A cousa comeza co almorzo nun chalé dunha familia de clase media-alta: Carlos (Luís Tosar), un atarefado empregado de banca, a súa distante muller Marta (Goya Toledo) e os fillos Sara (Paula del Río), sempre pegada ao móbil, e Marcos (Marco Sanz), o cativo da casa que sempre trata de molestar a súa irmá. Ese día Carlos decide levar os fillos ao colexio. Tras varios cambios de última hora na axenda do día, recibe unha chamada oculta dun “descoñecido” que lle di que ten unha bomba baixo o coche que fará estoupar se non transfire unha alta cantidade de cartos a unha conta. A partir de aquí terá que apañalas para percorrer a cidade mantendo aos fillos quedos e tratar de cumprir o que lle di. A medida que avanzan as conversas imos vendo que as intencións do descoñecido son máis escuras do que a simple vista parecen. Atención ás inflexiones de voz do “descoñecido”: sen verlle a cara sabemos que trama algo máis do que aparenta. Un perturbado moi próximo a Scorpio -o malo de Harry o sucio-, mesturado co malo de Speed, que lle fai a vida imposíbel ao bo de Luís Tosar na liña cun Última Chamada de reminiscencias friedkinianas... 

"Ollo á planificación do longuísimo plano secuencia na Praza de Vigo: pura técnica"

Dani de la Torre tira de cinefilia, e se nota que hai moita, para facer un filme trepidante e cheo de acción. Gran parte da tensión que consegue é grazas á excelente montaxe de Jorge Coira (18 comidas), acorde en todo momento coa banda sonora de Manuel Riveiro (Códice). Ollo á planificación do longuísimo plano secuencia na Praza de Vigo: pura técnica. Non desentoa tampouco a fotografía de Josu Inchaustegui (Extinction), sobre todo nos planos aéreos. En cuanto ao elenco, aparte da estrela indiscutíbel de Luís Tosar, actualmente tamén en cartel con Mama de Julio Médem e, moi pronto, baixo ás ordes de Daniel Calparsoro en Cien Años de Perdón, e a de outro peso pesado como Javier Gutiérrez (Goya por La isla mínima) conta tamén cunha boa recua de secundarios onde destaca o rol da artificieira Elvira Mínguez, en disputa continua co axente Espinosa (Fernando Cayo), a colaboración da, sempre solvente, Goya Toledo, e unha breve, pero intensa, aparición de Luís Zahera (Celda 211) como condutor cabreado que xa molaba que durara máis en plan pique de condutores... Algunha que outra lagoa de guión que, porén, non embaza o puro entretemento que nos presenta Dani de la Torre neste prometedor debut en pantalla grande. A pesar diso amosa un gran oficio e grande habilidade para tensar a corda até o punto de levar ao espectador ao límite de que desexe que a cousa remate nunha brutal vinganza ou, por contra, en redención. Supoño que as experiencias persoais de cada un terán moito que ver nas sensacións... Unha película tan entretida coma necesaria que explica de maneira lúdica unha das maiores lacras sociais polas que tiveron que pasar milleiros de familias. Moi recomendábel.

Máis en Ao vivo
Comentarios