Gabriel Reigosa, Dakidarria: "Hai uns anos era impensábel esta realidade musical de estilos tan diferentes en galego"

Con motivo do seu 18 aniversario, Dakidarría está a preparar o seu próximo disco, que sairá a comezos do 2022. Recentemente, a banda vén de estrear o single do novo álbum, Un pobo de artistas, que reúne máis de 70 artistas galegas. Falamos con Gabriel Reigosa, vocalista do grupo.
Dakidarría - El ojo de Iris
photo_camera Gabriel Reigosa, cuarto pola esquerda Dakidarría (Foto: El ojo de Iris)

Como nace Un pobo de artistas?

Creo que vén do confinamento máis duro. Cando estivemos pechadas na casa, escollemos unha canción e adaptámola ao formato “dende a casa”. Fomos sumando distintas artistas e fixemos como con Terra, unha cousa similar a esta. Nese momento foi cando comezamos a construír o novo disco e naceu a idea. Seguir polo camiño que Dakidarría sempre elixiu, o da colaboración, apoio mutuo e sumar entre todas para visibilizar a escena musical galega, sobre todo agora que estamos nun momento no que hai moita calidade e variedade e que había que poñelo en valor. 

Foi doado reunir tantas artistas?

Sinxelo non foi, hai unha loxística detrás importante, pero penso que a mensaxe calou moi ben. Preocupámonos de falar coas bandas unha a unha e de explicarlle todo. Creo que de aí veu o éxito, de facer partícipe á xente e que entendesen que non ía ser unha canción máis, senón unha peza de todas. Un tema feito polos músicos e músicas do país para nós mesmas e para poñernos en valor.  O día foi máxico. Foron moitos meses pechadas, facendo poucos concertos ou diferentes aos que pretendiamos. Ademais de non ver o público, tamén nos faltaba ver as compañeiras e estar xuntas. Ao final, facemos unha vida en común, detrás do escenario tamén hai historia e vivimos moitas cousas. Iso tamén o botabamos en falta e é algo que se falou ese día, poder conversar un anaco e volver a estar xuntas. Foi unha xornada inesquecíbel.

En febreiro do 2022 sairá o seu novo disco, Colaxe. Que imos atopar nel?  

O nome do disco non é casualidade. Este 2021, aínda que o disco sairá no 22, facemos 18 anos como banda. Para celebrar esta maioría de idade comezamos a compoñer un disco dende a distancia, cando o confinamento. Somos unha banda con moita xente e decatámonos de que estabamos a facer cancións de todos os estilos que nos influenciaron ao longo destes anos. 

En Colaxe podes atopar temas que recorden aos primeiros discos, cunha temática máis punk e crúa, mais tamén pezas que te leven á última etapa, onde xa introducimos elementos de músicas urbanas, como pode ser o hip hop. Sempre vai estar presente esa base punk, mais hai unha mestura destes 18 anos e desas influencias que que nos trouxeron ata o que somos hoxe en día. Titulámolo Colaxe porque con eses pequenos anacos de música que lle fomos roubando ao planeta construímos o que é hoxe a sonoridade de Dakidarría.

Como afectou a marcha de Xavi e Simón?

É un cambio importante. As vidas de cada un seguen un camiño e ao parar o ritmo ao que viñamos acostumados descubrimos outros xeitos de vida. Os nosos ritmos de vida evolucionaron e iso fixo que agora, ao querer retomar, nos atopásemos con realidades diversas dentro do grupo. As circunstancias vitais fan que Xavi, que levaba tres anos con nós, agora non poida continuar e Simón un tanto do mesmo. El si que é fundador do grupo e ficamos un pouco máis orfos, mais son finais de ciclo. 

Agora hai unha reestruturación interesante da banda, aproveitamos este momento para incluír algunha persoa máis que vai reforzar certos aspectos musicais. Irémolo desvelando pouco a pouco.

Cal cre que é a situación actual do panorama musical galego?

Precisamente vén bastante a conto con este tema. Hai uns anos era impensábel esta realidade musical na Galiza, onde existen bandas cantando en galego e en estilos moi diversos. Tempo atrás, o galego estaba un pouco máis relegado ao folk ou ao punk e era máis complexo atopar outras vertentes musicais. Hoxe en día hai galego en todas as músicas, e, aínda que é bastante inexplicábel polo mal camiño que leva o idioma ultimamente, na música si que está funcionando. 

Comentarios