Curtas distinguidas nos Oscar, Cannes, Berlín ou Venecia compiten desde esta segunda feira por entrar no palmarés do FICBUEU

A semana comezará tamén coa presentación da "I Residencia FICBUEU", que decorrerá na illa de Ons

A Sección Oficial do FIC decorrerá en Bueu até o sábado. (Foto: FICBUEU)
photo_camera A Sección Oficial do FIC decorrerá en Bueu até o sábado. (Foto: FICBUEU)

Comeza a “Sección Oficial” do FICBUEU 2023. O Festival Internacional de Cinema de Bueu (O Morrazo) presenta desde esta segunda feira, 11 de setembro, e até o sábado 16 unha escolma da mellor produción de curtametraxes realizada durante o pasado ano en todo o mundo, así como as novas tendencias de creación cinematográfica e cinema autoral. O público que se achegue até o Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu poderá descubrir nesta edición do certame 28 curtametraxes procedentes de 21 países, que se irán proxectando cada día en dúas sesións (19.30 e 21.30 horas) e cun coloquio con cineastas entre ambas.

As curtametraxes participantes foron elixidas entre perto de 3.000 cintas chegadas do mundo enteiro. “Queremos amosar relatos audiovisuais de calidade que dean a coñecer novas perspectivas autorais, novas formas de contar”, explica o co-director do FICBUEU Manuel Pena. “O FICBUEU trata de ser unha ventá desde a que cada ano poidamos coñecer as novas tendencias das linguaxes cinematográficas”.

Na segunda feira tamén terá lugar a presentación da «I Residencia FICBUEU», un programa formativo destinado a desenvolver curtametraxes aínda sen realizar, centrándose especialmente no traballo de guión. Durante a presentación, coñeceranse as curtas seleccionadas para a primeira edición da Residencia, que terá lugar na Illa de Ons, do 9 ao 15 de outubro, e contará coa titorización da galardoada guionista Isabel Peña.

Co inicio da sección oficial do Festival comeza tamén “Cinema e Radio”, actividade que traerá até o vindeiro venres cinco dos mellores podcasts de radio especializados en cinema que se emiten no Estado. Realizaranse en vivo e con público dende o Centro Social do Mar de Bueu. Abrirá este espazo radiofónico Café Derby 21, podcast conversacional presentado e realizado polos xornalistas Adrián Lede, Carme D. Prol e Nico Carreira (18.00 horas).

Curtas premiadas nos mellores festivais

Na selección de curtas a concurso da “Sección Oficial”, tanto de ficción coma documentais e de animación, o Festival presentará moitos dos traballos máis distinguidos a nivel internacional nos últimos meses.

É o caso de Will you look at me, do realizador chinés Huang Shuli: a historia da conversa entre un director e a súa nai levou un galardón no Festival de Cannes e o premio do xurado á mellor curta de non ficción en Sundance. Outra cinta asiática que estará no FICBUEU e trunfou nos festivais de Venecia e Toronto é Snow in September, da directora Lkhagvadulam Purev-Ochir, de Mongolia.

Outras xoias na lista oficial do Festival chegaron dende Europa, coma Ma mère et moi, road trip emocional dunha filla e a súa nai da realizadora holandesa Emma Branderhorst, que foi nominada na Berlinale e acadou o premio á dirección nova en Cannes (e o Premio do Público FICBUEU na pasada edición coa curta Spotless); ou Nest, do islandés Hylnur Palmason, recoñecida en Donostia e que explora a idea do tempo a través de tres irmáns (os fillos de Palmason) que constrúen unha casa nunha árbore. Airhostess-747, do grego Thanasis Neofotistos, finalista en Toronto, é outra das apostas europeas.

Realismo social

O director estadounidense Sam Shainberg levou tamén varios galardóns e nominacións internacionais por Endless Sea, curta sobre o vertixinoso día dunha muller de 70 anos en Nova York en busca dunha solución para poder mercar a medicación que necesita para o corazón e que conta coa colaboración do artista Iggy Pop.

Dende México chega a curta a finalista en Sundance Sweatshop girl, de Selma Cervantes e con Yalitza Aparicio no papel dunha traballadora dunha maquila que fai todo o posíbel por ocultar o seu embarazo para que non a despidan. Outra das películas participantes, Will my parents come to see me, da realizadora somalí Mo Harawe, obtivo o Gran Premio de Clermont-Ferrand polo seu retrato sensíbel e preciso do último día dun condenado a morte e da axente de policía que o acompaña.

Animación de Oscar

No campo da animación proxectaranse dous dos máis recoñecidos traballos do pasado ano. Trátase de Ice Merchants, proxecto de fin de carreira do portugués Joao Gonzalez, premiado en Cannes e que se converteu na primeira produción lusa nominada aos Oscar; e The Flying Sailor, das realizadoras canadenses Wendy Tilby e Amanda Forbis, nominadas tamén aos premios da Academia de Hollywood por este traballo.

En canto á representación galega na “Sección Oficial”, o FICBUEU seleccionou as curtametraxes Alicia fai cousas, do marinense Ángel Santos e Ulises, de Félix Brixel, foron multipremiadas no Festival de Cans; e Sandwich Cat, curta de animación do lucense David Fidalgo, gañou o South by SouthWest Film Festival de Austin

Completan a lista de proxeccións Arquitectura emocional 1959, do cántabro León Siminiani; Aqueronte, do sevillano Manuel Muñoz RivasRuovesi, da viguesa Andrea Zapata; e El perro de un torero, de Sandra Romero.

Comentarios