Lois Patiño triunfa na Berlinale con 'Samsara'

O cineasta agradeceu a todo o equipo que o acompañou durante os cinco anos de duración do proxecto e destacou que Samsara é unha película que celebra a diversidade cultural e que invita ao público a pechar os ollos durante quince minutos para abrilos máis a fondo.
O director cinematográfico Lois Patiño. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O director cinematográfico Lois Patiño. (Foto: Nós Diario)

A película Samsara, dirixida polo vigués Lois Patiño, foi a gañadora do Premio Especial do Xurado da sección Encounters, "unha plataforma que pretende fomentar traballos estética e estruturalmente atrevidos de cineastas independentes e innovadores", da Berlinale. Lógrao nunha edición do certame no que había outras dúas películas galegas seleccionadas: a primeira longametraxe de ficción da directora catalá Carla Subirana, Sica, e a primeira longametraxe do cineasta vigués Álvaro Gago, Matria.

Ao recoller o premio, o cineasta agradeceu a todo o equipo que o acompañou durante os cinco anos de duración do proxecto e destacou que Samsara é unha película que celebra a diversidade cultural e que invita ao público a pechar os ollos durante quince minutos para abrilos máis a fondo.

Patiño -que xa estreara Lúa vermella neste mesmo festival- rodou o seu novo filme en Laos, nun templo da cidade de Luang Prabang, e na illa de Zanzíbar (Tanzania).

 

Samsara está ambientada nos templos budistas de Luang Prabang, onde conviven decenas de adolescentes. Un destes rapaces le o Bardo Thödol a unha anciá, un texto que hai que lle ler á xente antes de morrer, xa que serve de guía para orientarse no alén. A anciá falece e película acompaña o seu espírito por unha travesía sensorial até que se reencarna no seu seguinte corpo: un cabuxo dunha aldea costeira de Zanzíbar, onde medrará acompañada dunha familia de pescadores. 

Segundo explicou o director durante a presentación, na súa exploración ou reflexión sobre a idea do invisíbel no cinema, atopou o libro tibetano dos mortos, co que "todo comezou a tomar forma ".

O filme recunca nas obsesións do director: "A reflexión sobre a relación entre o ser humano e a paisaxe, un interese antropolóxico centrado no mítico e espiritual ou a vontade de levar o espectador a unha experiencia íntima e meditativa", segundo declara o propio Patiño. 

Así mesmo, subliñou que, no cinema, lle interesa reflectir "non a cultura occidental dominante" que se pode ver no "bombardeo de imaxes dunha cultura única que tende a homoxeneizar e contribúe a unha globalización que iguala a diversidade cultural", senón "outras culturas que non están tan ben representadas".

O festival internacional de cine culmina este domingo coa entrega oficial do premio do xurado que preside a actriz estadounidense Kristen Stewart.  

Comentarios