Ángel Santos consegue un trunfo histórico no Festival de Cans

A XX edición do Festival de Cans baixou o pano. O grande gañador desta edición foi o realizador Ángel Santos que obtivo catro dos premios principais do certame.

Cans
photo_camera Equipo do filme, 'Alicia fai cousas', grande triunfadora da noite (Foto: Festival de Cans)

O filme Alicia fai cousas converteuse na grande vencedora do Festival de Cans. Neste sentido, os organizadores do certame non dubidan en cualificalo “dun triunfo histórico en Cans xa que ninguén até o de agora conseguira gañar en catro categorías tan importantes coa mesma curtametraxe”.

O realizador da obra, Ángel Santos (Marín, 1976), obtivo os premios principais dos festival. Neste caso, recibiu o galardón a   Mellor curtametraxe de Ficción, Mellor Dirección, Mellor Guión e Mellor Protagonista Feminina.

Angel Santos

Santos é un cineasta cunha longa traxectoria que xa presentou en Cans en 2015 a longametraxe Las altas presiones e que na pasada edición do certame obtivo o premio ao Mellor Guión por Así vendrá la noche.

Alicia fai cousas conta a historia dunha moza de 25 anos á quen se lle mete na cabeza que está aburrida e mentres se prepara para unha audición pensa se debería apuntarse a algún curso ou se vai ou non a unha festa.

O xurado, formado por Santi Prego, Isabel Ruíz Lara, Carla Subirana, Alberte Branco e Nerea Barros, outorgoulle o galardón á Mellor Curta de Ficción “pola determinación amosada para ir á contra da linguaxe dominante”.

O filme reportoulle o galardón de Mellor Guión a ao propio Ángel Santos e a Pablo García Canda e o premio de Mellor Protagonista Feminina foi para a primeira actriz do filme,  Alicia Armenteros.

Outros premiados

O resto de premios na categoría de Ficción/Animación foron para Eduardo Rodríguez Cuña "Tatán" como Mellor Actor por O coidado,  Mario G. Cortizo como Mellor BSO por O neno sardiña e Paula Quiroga como Mellor Fotografía por Ulises.

A organización do certame valorouno “cun balance moi positivo pola gran afluencia de público rexistrada e o bo ambiente que marcou o desenvolvemento do certame, que por primeira vez estendeu a súa programación durante cinco días”

Comentarios