As chaves do Barómetro de 2024: a cultura galega instálase na rutina e desacelera a súa marcha

Lixeiro descenso a respecto de 2023, diminución dos esforzos na dixitalización e na exportación de produtos culturais, acción insuficiente das administracións... O Barómetro da Cultura Galega 2024, presentado esta sexta feira en rolda de prensa, apunta a un escenario de rutina e desánimo entre as empresas, entidades e profesionais da cultura do país.
Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Hakan Casares, responsábel do Observatorio da Cultura, esta sexta feira na presentación do Barómetro. (Foto: CCG)
photo_camera Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Hakan Casares, responsábel do Observatorio da Cultura, esta sexta feira na presentación do Barómetro. (Foto: CCG)

"A cultura está sufrindo unha minoración na súa velocidade de crecemento", afirma o Barómetro da cultura galega 2024, documento que mide o estado e a evolución da actividade cultural do último ano no noso país e que foi elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o responsábel do OCG, Hakan Casares Berg, presentaron en rolda de prensa os resultados deste informe, no que 40 % das entidades enquisadas afirma que tiveron un 2023 mellor que o ano anterior.

Entre os resultados do estudo destaca que en 2023 aumentaron as dificultades para atopar profesionais cualificados e produciuse un descenso nas actividades realizadas para incrementar a presenza internacional (dous puntos menos). O sector volve suspender o apoio das diferentes administracións en materia cultural, aínda que mellora a puntuación do Goberno central e baixa a da Xunta. As persoas enquisadas perciben unha evolución algo menos favorábel durante 2023 en comparación con 2022. Así mesmo, as expectativas que tiñan hai un ano non se cumpriron, porque pensaban que 2023 sería un ano mellor do que realmente foi. Tamén se evidencia unha diminución gradual das expectativas para o seguinte ano.

40,2% das entidades que compoñen a cultura galega tivo un 2023 mellor ou moito mellor que 2022, para 37,5% foi igual e para 20,2% a situación empeorou. As entidades ás que lles foi mellor foron os museos e as que desenvolven actividades relacionadas co patrimonio cultural, as do sector audiovisual e as das artes gráficas, así como aquelas que se dedican ao teatro, danza, espectáculos e actividades auxiliares das artes escénicas.

Algo por debaixo da media, pero aínda nun contexto positivo, atópanse as entidades dedicadas ás artes visuais (deseño, fotografía, creación artística e fabricación e comercio de bens relacionados con elas, así como arquitectura e publicidade), á educación cultural (academias e escolas de música, 61 artes visuais, baile, teatro etc.) e á música, así como ás bibliotecas e arquivos, ás entidades dedicadas á edición de libros e publicacións periódicas e aos departamentos de cultura das distintas administracións. As entidades dedicadas ao comercio de libros e publicacións periódicas son as máis críticas na percepción sobre 2023 e as que se sitúan na parte negativa.

Suspenso ás administracións

Os xestores culturais, igual que na edición anterior, volven suspender a actuación das diferentes administracións. Cómpre salientar que o apoio recibido das distintas administracións se puntúa por debaixo de 5 nunha escala de 0 a 10. A evolución indica un incremento significativo na valoración da Administración do Estado e unha leve baixada da puntuación da Xunta da Galiza. En xeral, os máis críticos coa Administración son as empresas e os profesionais autónomos. No relativo ás peticións que o sector da cultura formula á Administración, hai unha clara preferencia pola intervención directa a través do aumento do gasto público e das axudas. A evolución non amosa grandes diferenzas a este respecto.

43,7% das entidades culturais galegas enquisadas obtivo algún tipo de subvención durante 2023, mentres que 8% solicitounas pero fóronlle denegadas. Ao comparar con anos anteriores, a taxa de éxito nas solicitudes aumentou lixeiramente en 2023 con respecto a 2022, mais segue sendo inferior á rexistrada en 2021. Ademais, as axudas chegan con maior facilidade ás entidades grandes que ás pequenas. É destacábel que a demanda de políticas de impulso á dixitalización perda pulo. Trátase dun indicador relevante porque hai relativamente pouco tempo a cultura virtual e a dixitalización semellaban ser algunhas das fortalezas do futuro inmediato.

Descenden a dixitalización e a presenza internacional

Dixitalización, publicidade e comunicación dixital son os principais ámbitos de desenvolvemento para o futuro, seguidos da compra de equipamento técnico e de software. Hai un descenso no esforzo dedicado á produción, venda e distribución de contidos dixitais. Tamén hai un esforzo baixo en formación do persoal en transformación dixital. Desde o Observatorio apuntan a que "podería estar condicionado polo feito de que se crearon importantes expectativas neste tipo de produtos durante os anos de influencia da pandemia", mais haberá que agardar ao futuro para ver que significa esta tendencia.

En canto á internacionalización, as empresas e entidades que en maior medida realizaron algunha acción foron as do audiovisual (40,2%). Teñen tamén porcentaxes por riba de 30% as dedicadas ao teatro, danza e espectáculos (35,7%), á actividade museística e patrimonial (34,1%), á edición de libros e publicacións periódicas (31,4%) e á música (30,4%). As porcentaxes máis baixas corresponden ao comercio de libros e publicacións periódicas e ás bibliotecas e arquivos (8,8% nos dous casos).

Segundo o tipo de entidade, os profesionais autónomos foron os que en maior medida realizaron accións encamiñadas a unha maior produción ou venda no exterior (30,8%), en contraste co 20,3% das administracións e co 21,8% das empresas. En xeral constatouse unha baixada nas accións destinadas a incrementar a presenza internacional (de 25,5 % a 23,3 %). Tamén se percibiu un descenso na porcentaxe de actividade finalmente consumida polo público foráneo, que se situou en 8,3% de media (fronte a 11,3 % do ano anterior). O Observatorio sinala un posíbel efecto chamada do Xacobeo, que atrae usuarios e clientes estranxeiros, pero "haberá que corroborar no futuro se se trata dunha tendencia conxuntural ou non".

As actividades con maior peso no mercado internacional son a edición e o audiovisual, xunto cos museos, neste último caso impulsadas probabelmente por visitas de turistas. En calquera caso, cabe destacar que son poucas (sobre 4,7%) as entidades orientadas maioritariamente ao sector exterior.

A economía da cultura

Estas tendencias xerais gardan relación coa evolución doutros indicadores máis concretos. Pódese afirmar que os datos de 2023 están influídos por un leve incremento da demanda cultural con respecto ao ano 2022, o que á súa vez semella que incide positivamente na carga de traballo e nos ingresos. De feito, case a metade das entidades que desenvolven actividades culturais na Galiza (45,3%) observou algún incremento na demanda o pasado ano, pero prevé a continuidade deste aumento unha porcentaxe sensibelmente inferior.

A produción ou carga de traballo creceu, en consecuencia, nunha proporción similar (47,8%). En relación con isto, os ingresos incrementáronse en 2023 (un 29% levemente e un 9,1% de forma significativa), pero menos que o ano anterior. Son máis dun terzo as que manteñen a expectativa de seguir incrementándoos en 2024. As entidades dedicadas ao audiovisual e ás artes gráficas e, en xeral, as máis grandes en termos de emprego e facturación aumentaron en maior medida os ingresos e pensan proseguir con este aumento. Outro indicador positivo atópase nos investimentos, executados por 54,6% das entidades en 2023 e cunha lixeira tendencia a incrementarse nos últimos anos.

No relativo ao emprego, pódese falar de estabilidade ou dun lixeiro incremento, porque son máis as entidades que aumentaron o cadro de persoal que as que o minguaron. Malia que as diferenzas son pequenas, semella que o crecemento se produce cun pouco máis de intensidade no ámbito público, xa que tivo un comportamento algo mellor que as entidades privadas. A situación que se prevé para 2024 é de estabilidade, quizais cunha contratación aínda máis moderada e cos incrementos concentrados nas entidades máis grandes.

Os resultados indican que a inflación e, xa que logo, o incremento de custos e prezos tamén afecta a cultura galega. Os prezos das materias primas e subministracións necesarias para a actividade que desenvolven as entidades subiron para case nove de cada dez (86,5%) e para un 46,5% o aumento experimentado foi significativo. Así mesmo, 61,7% observou un encarecemento dos custos laborais ao longo de 2023 e para 14,4% tratouse dun incremento significativo. As previsións para 2024 son, en liñas xerais, máis moderadas, ao agardar incrementos, pero certamente menores que os percibidos nos últimos tres anos. Quizais por isto se dá o fenómeno de que as subas dos custos non se trasladan directamente aos consumidores ou usuarios, polo menos segundo o que manifestan as persoas enquisadas.

Comentarios