O CCG celebrará o seu 40º aniversario o vindeiro ano

O Consello da Cultura Galega reforzará en 2023 a acción exterior

A presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, rendeu contas no Parlamento da actividade desenvolvida este ano e avanzou a programación para o 2023, que estará centrada, aínda que de xeito non exclusivo, na actividade de celebración do seu 40 aniversario.
Rosario Álvarez, onte, comparecendo na Comisión de Orzamentos do Parlamento.Galego
Rosario Álvarez, onte, comparecendo na Comisión de Orzamentos do Parlamento.Galego

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, foi a encargada de pechar onte na Comisión de Orzamentos da Cámara galega a rolda de titulares dos consellos asociados ao Executivo galego (Contas, Consultivo, CES e CCG), aberto o pasado día 30 co conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo. 

Álvarez valorou positivamente que, despois de anos nos que a dotación ao CCG presentaba incrementos moi pequenos, “cando os houbo", agora se adopte un aumento até os 3.075 millóns de euros, co que o CCG se achega ás cifras económicas das que dispuxo en 2008. Aínda así, Álvarez non quixo entrar a comentar o que a comparación con 15 anos atrás supón en "termos relativos". 

No marco da rendición de contas, a presidenta detallou que en 2022 se programaron 81 actividades e realizáronse 28 informes de diferente tipo.
Ás portas do ano no que cumprirá catro décadas, o CCG celebrará a efeméride arredor de tres eixes: facer un repaso pola historia da institución en función das actividades, persoeiros ou fitos máis salientados; reflexionar sobre a institucionalización da autonomía galega e o papel da cultura e da xestión cultural dentro desa evolución; e reflexionar sobre o futuro do país a partir de sete temas centrais que permitirán abordar os grandes debates da cultura contemporánea cunha ollada  feita desde a Galiza. 

Pola súa parte, os grupos da oposición lamentaron o que consideran a "falta de compromiso" da Xunta coa cultura galega que, segundo as deputadas Mercedes Queixas (BNG) e Noa Díaz (PSdeG), se reflicte na dotación orzamentaria á institución. "Non podemos aceptar acusacións graves de falta de apoio da Xunta, sobre todo cando temos un Goberno do Estado que podería facer moito máis aprobando, por exemplo, un Perte para o sector cultural", respondeu Ovidio Rodeiro (PP).

Comentarios