O Consello da Cultura Galega recupera dous textos centrais de Lois Tobío

Lembranza do Seminario de Estudos Galegos é a nova publicación do Consello da Cultura Galega (CCG) que rescata do fondo de Lois Tobío dous textos que dan conta de acontecementos importantes para  a historia do país, como o nacemento do Seminario e as circunstancias da redacción do Estatuto de Galiza polo ano 1931.
Presentación na sede do Consello da Cultura Galega de 'Lembranza do Seminario de Estudos Galegos'.
photo_camera Presentación na sede do Consello da Cultura Galega de 'Lembranza do Seminario de Estudos Galegos'.

O Consello da Cultura Galega (CCG) puxo o ramo á conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG), coa presentación, esta cuarta feira, 22 de novembro, da publicación Lembranza do Seminario de Estudos Galegos. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, a filla de Lois Tobío, Constanza; e o editor da publicación, Ramón Villares, estiveron presentes  no acto, que deu a coñecer esta publicación que reúne dous textos de Lois Tobío que achegan nova información sobre a xénese do Seminario de Estudos Galegos.

No primeiro texto, Lois Tobío evoca o nacemento e primeiros anos de vida do Seminario, deténdose no seu carácter e na contribución dos principais protagonistas. “É un testemuño fundamental porque resume o estilo, obxectivo e traballo do Seminario de Estudos Galegos” explicou Villares.

No segundo, “lamentabelmente breve” apuntou Villares, achéganos noticias e circunstancias da redacción do anteproxecto do Estatuto de Galiza, encargado polo Seminario de Estudos Galegos na primavera de 1931 a unha comisión da que el formaba parte e redactado materialmente por dous mozos formados en Dereito, Ricardo Carvalho Calero e el mesmo.

Unha excelente introdución ao labor do SEG

A de Lois Tobío foi unha longa e intensa vida que percorreu todo o século XX (Viveiro 1906-Madrid 2003). A súa formación académica e a súa actividade profesional, xunto cunha curiosidade intelectual de amplos horizontes e o compromiso irrenunciábel co progreso da súa terra, facilitaron que puidese asistir, desde posicións privilexiadas e incluso desde observatorios inusitados, a varios dos acontecementos que marcaron a historia da Galiza no século pasado. 

Os contidos dos textos de Tobío que se publican neste volume, segundo os editores, "apenas precisan de explicación ou contextualización histórica. Son elocuentes por si mesmos e, ao tempo, achegan información fiábel". 

Os dous textos están redactados nunha prosa directa e pouco enfática, desprovista de pecados autobiográficos, como a autoxustificación ou o axuste de contas. Son escritos breves que veñen moi ao caso para o centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG), porque, "para un lector actual, estas páxinas son unha excelente introdución ao que foi o labor do SEG, o seu estilo de traballo, o seu compromiso e as súas limitacións".  

Comentarios