Rosario Álvarez: "É importante dar o salto á internacionalización da cultura galega"

O Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG) reelixiu na quinta feira a Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra, 1952) como presidenta. A candidatura desta catedrática da área de Filoloxías Galega e Portuguesa foi a única presentada nesta ocasión e afronta agora o que será o seu segundo e último mandato.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez (Foto: CCG).
photo_camera A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. (Foto: CCG)

—Como define a etapa que fecha? 
Foi unha etapa de moito traballo. Ademais dos retos que nós asumiamos estaba o problema creado pola pandemia. Ao mesmo tempo foi moi gratificante pola resposta espléndida de todo o sector cultural no que nos apoiamos mutuamente.

—Como valora o financiamento da Xunta para o Consello?
Nós estamos dentro do financiamento da Comunidade Autónoma e aínda están lonxe de alcanzar o nivel que nós tiñamos antes de que se iniciase a crise de 2008. En todas as comparescencias que teño no Parlamento galego fago notar iso.

Nós acomodámonos ao orzamento que temos mais obviamente a nosa acción podía ser moito máis rica e máis eficaz, tanto na actividade que ten que ver coa que desenvolvemos dentro da Galiza como na nosa acción exterior, se tiveramos uns recursos que, como mínimo, recuperaran o que tiñamos antes da crise económica. E desde logo que sexan acordes tamén coas sucesivas liñas de actuación que imos asumindo. Polo tanto, escaso.

En época de crise podíase comprender o recorte de maneira xeral mais cando xa parece que todos os anuncios que se fan cada ano din que esa etapa está superada, o Consello aínda non o recuperou debidamente.

—Vendo o futuro. Que retos ten o CCG por diante?
Un dos retos importantes é todo o que ten que ver coa internacionalización da cultura galega. Nós temos que pensar que xa o  Consello alcanza unha etapa de madurez, cumprimos 40 anos para o ano que vén.

Todo o que se foi consolidando de traballo durante todos estes anos, aínda que estivemos atentos á proxección exterior da cultura galega, estivo máis centrada no propio territorio.

Aínda que queda moita tarefa que facer aquí cremos que é importante dar o salto á internacionalización da cultura. Non me refiro só xa, naturalmente, a esa Galiza exterior que está representada en tantos países do mundo e que sempre atendemos e seguimos atendendo, como a proxectar a cultura galega como unha cultura moderna, apreciábel por outros públicos noutros países nos que non ten porque haber unha vinculación de herdanza coa cultura da Galiza.

—Debería o CCG ser a institución que promocione a cultura galega no exterior, tal e como fan outras en Catalunya ou Euskadi? 
Si e non. Dependería moito de como se deseñase esa institución. Nós temos asumidas as competencias en materia de acción exterior en cultura que nós dá a propia Lei de creación do Consello e a propia Lei de acción exterior que estabelece que un dos axentes é o Consello.

Xa o asumimos mais sempre dentro dos cometidos asumidos por lei como competencias e misións. Estamos dispostos a asumir unha liña moito máis intensa, rica e plural. Mais non formamos parte do Goberno galego, a Lei concédenos unha autonomía.

Calquera goberno debería aspirar a ter as súas propias liñas de acción exterior

Calquera goberno debería aspirar a ter as súas propias liñas de acción exterior en distinto tipos de materias. Se asumir esa promoción exterior da lingua e a cultura galega fai que o CCG deixe de ter esa autonomía quizais non sexa o órgano adecuado, podería colisionar coa propia acción de goberno. 

—Formulará o Consello a ampliación da súa direccion para acoller entidades e asociacionismo cultural alén de persoas a título individual?
A Lei de creación do Consello especifica que hai dous grupos de participantes. Por un lado hai un grupo cun listado de institucións, quince en total, cada unha co seu representante e nós non temos neste momento a capacidade de alterar a lei de creación.

Habería que cambiar a lei e esa acción compete ao Parlamento. Nós movémonos dentro do articulado que temos. Polo outro, a título persoal só hai dez persoas, unha minoría dentro do Plenario.

Comentarios