Radiografía ao sector audiovisual galego: 1,5 millóns de espectadores en cinemas comerciais para as longametraxes estreadas en galego

Un informe do Consello da Cultura constata o "bo momento" na Galiza, onde se atopa nun "ciclo expansivo"

o que arde
photo_camera Fotograma de 'O que arde' (Foto: Nós Diario)

O audiovisual dá emprego a un total de 2.475 persoas na Galiza a peche de 2022, un 7,8% máis que en 2021, segundo un estudo que acaba de publicar o Consello da Cultura Galega (CCG) no que se constata o "bo momento" do sector. Deste modo, obsérvase unha tendencia alcista no emprego desde os menos de 2.000 traballadores no sector que había fai unha década. De feito, os datos até o primeiro semestre de 2023 indican que esa suba continua e xa alcanza as 2.610 persoas.

"Os datos mostran que o audiovisual está nun ciclo expansivo, con indicadores que apuntan a que se superou a crise sanitaria de 2020 e 2021 en moitos dos ámbitos que a compoñen", conclúe o Consello da Cultura Galega.

Neste sentido, o emprego no audiovisual galego supón máis de 4% do total deste sector no Estado. Céntrase en cinema e vídeo (41,2%), seguido de televisión (37,1%). Na Galiza concéntrase na provincia da Coruña (64,6% das empresas). Aínda que en 2022 recuperáronse espectadores en salas de cinema respecto ao peor da pandemia, con 2,5 millóns (+40%), esta cifra segue lonxe dos 4,2 millóns que se computaban en 2019, unha evolución semellante á de recadación.

O informe detecta na Galiza "algo menos de interese polo cinema que no conxunto do Estado e, aínda que unha pola que non se vai máis ás salas é o prezo da entrada, a realidade é que esta apenas cambiou en dez anos". Todo iso nun contexto de profundos cambios no consumo. Na década dos anos 10, o VHS e o DVD estaban en 80% dos fogares, mais agora o móbil centra a reprodución de vídeo (emprégao o 84,6% da poboación). O consumo televisivo segue sendo alto (88,9%), mais perde oito puntos respecto a 2010. Hai un descenso nas cadeas xeralistas. Antena 3 e TVG son as cadeas coas audiencias máis altas, de 11,5% no caso da televisión pública galega.

Pola súa parte, 82% dos fogares galegos dispoñen dalgunha plataforma dixital. Netflix, Amazon Prime Vídeo e Disney+ son as que concentran o público. Os contidos en idioma galego só supoñen un 0,5% da oferta das plataformas en 'streaming', segundo este estudo do Consello. O informe constata un aumento significativo no ámbito da produción cinematográfica na última década: hai máis empresas (47% máis) e máis película (284 filmes en 2022, o dobre que en 2013).

O xénero de maior produción é o documental (28%), seguido por drama (26%), comedia, animación e thriller (6,7% cada un). A maioría das películas son realizadas por unha única produtora (89%), aínda que as coproducións van á alza. Os países con máis proxectos compartidos son Francia (o 30% de coproducións internacionais) e Portugal (18,6%).

A pesar de que 68% das empresas realizou só unha película durante o período de dez anos, unha vintena de produtoras realizaron máis de tres filmes e mesmo houbo dous que superaron os 10 proxectos. As películas que se estrearon en salas neste período tiveron 7,1 millóns de espectadores (recadación de máis de 43 millóns).

A películas en lingua galega van á alza, pois pasan das nove que se fixeron en 2013 ás 23 de 2020. Entre outros exemplos de éxitos comerciais cítase a As bestas, O que arde ou A praia dous afogados.

O impacto de longametraxes en lingua galega estreados en cinemas comerciais nunha década foi de 1,5 millóns de espectadores (8,8 millóns de recadación).

Comentarios