MANUELE CAAMAGNO, CANTANTE DE FAMILIA CAAMAGNO

“Creo que nunca houbo tan bos grupos e tantos como agora”

Logo de publicar un novo disco, ‘Para unha vez que saímos’, a banda de rock’n’roll de Sigüeiro non para o cú quieto entre festival e festival (o próximo, o Revenidas). Falamos con Manuele Caamagno, voz e saxo desta formación.

familia
photo_camera A Familia Caamagno ao completo. O segundo pola esquerda é Manuele Caamagno.

- Vides de sacar novo disco e estades en canto festival ou festa hai polo país. É este o ano de consolidación da mafiosa Familia?
- Pois non o sei, a verdade é que aínda nos queda algún por visitar. Eu non falaría de consolidación, pero a xente vaite coñecendo, as letras das cancións e vas gustando cada vez máis. Consolidación non creo que se dea nunca, polo menos ao noso nivel. 

- En outono iniciades unha xira por varias cidades españolas. Iso hai tempo non é moi frecuente nun grupo en galego…
- O tema de cantar en galego é unha percepción a priori, tamén o pensabamos nós, pero logo comezas a saír por aí e ves que lle podemos gustar o mesmo que un grupo cantando en inglés ou en calquera outra lingua. De feito, a xente entende moito máis en galego que en inglés. Desde logo para nós é moi ilusionante poder saír e tocar por capitais españolas e tamén, por que non dicilo, por capitais portuguesas, que lle temos moitas ganas. 

- Ademais do preconcepto, é que iso hai tempo que non acontecía. E teño a percepción de que a cousa está a mellorar nese aspecto. 
- Eu penso que si. Por exemplo, os nosos amigos de Terbutalina saen por fóra e eu penso que a xente está máis, digamos, receptiva, ao pop-rock en galego. 

Agora hai máis diversificación de temas, aínda que non digo que hoxe non se estea a facer música política, nin moito menos. Digo que, se cadra esa temática identitaria case en exclusiva era un pouco o que restrinxía. 

- Cres que estamos a ese nivel nun bo momento?
- Si, eu creo que estamos no mellor momento. Creo que nunca houbo un momento de efervescencia en canto a grupos ou a música. Creo que nunca houbo tan bos grupos e tantos como hai agora. É a miña opinión, que se traduce tamén en datos. 

- Por exemplo?
- Pensa no pop-rock en galego, pensa nos Homens ou nos Dirty Barriguitas, ou mesmamente compañeiros de escudería de Lixo Urbano. Na súa época había menos grupos, aínda que tamén é unha cuestión económica: abaratáronse moitísimo os instrumentos, as gravacións… E no caso de que exista negocio na industria musical, ese negocio está no directo. Entón as bandas teñen que tocar máis, é máis fácil que se visibilicen a través de plataformas como Bandcamp ou as redes sociais. Os grupos galegos, canten ou non en galego, pódense dar máis a coñecer e se realmente teñen pegada e están a facer boas cancións… agora estase vendo: Malandrómeda tocando en festivais como o Milhoes de Festa en Portugal, cousas que penso que antes non pasaban, ou pasaban en moi poucas ocasións. Por exemplo, igual ten que ver, pensando en alto, a diversificación dos temas. Se, por exemplo, nos 90 de dez grupos nove tiñan letras reivindicativas e políticas é máis probable que a alguén de fóra empatice menos, porque fala dunha cuestión propia e menos universal, por dicilo dalgún xeito. Agora hai máis diversificación de temas, aínda que non digo que hoxe non se estea a facer música política, nin moito menos. Digo que, se cadra esa temática identitaria case en exclusiva era un pouco o que restrinxía. Pero todo isto son suposicións, porque logo hai bandas, como Betagarri, por exemplo, que si falan de temas identitarios e nacionais, e en cambio tocan por todo o estado. O caso de cada banda é digno de estudo en particular. 

Nós antes de ser unha banda somos un grupo de amigos e calquera que nos vexa tomando algo verá que saímos todos xuntos, levámonos moi ben e estamos de carallada todo o día.

- No voso caso facedes un rock and roll que é pura diversión, para cantar, bailar e ouvear. Tamén é un signo de normalización. 
- Iso para nós é fundamental. O signo de normalización clave para nós é que non se nos pregunte por que cantamos en galego. Non quero meterme aí porque tampouco mo preguntaches ti, pero efectivamente, a nosa proposta é diversión, baile, e gústanos que o público o pase ben. Se entenden as letras moito mellor, se entenden o idioma moito mellor, e nós escribimos en galego porque falamos en galego, non hai ningunha outra razón. 

- Á parte da vosa estética mafioso-hedonista, agochades algunhas letras comprometidas. 
- Si, home, pero dentro diso sempre está ese ritmo de rock and roll que che fai mover os pés, aínda que a mensaxe sexa máis social. Pero é que mensaxe social tena mesmo xente que nunca pensaríamos, como Michael Jackson, sempre hai un día que te ergues encabronado co mundo e fas unha canción así e non simple diversión hedonista, que tamén temos moitas, de bailar e de facer o parvo, o mongol, como dicimos nós, de simplemente bailar por bailar. Pero obviamente somos seres políticos e iso acaba agromando sempre por algún lado. 

- É o caso de ‘Lausanne’, na que contades a historia dunha familia de ‘losers’, que podería ser a historia de todo o país. 
- ‘Lausanne’ é a única canción que ten unha letra adaptada. Vén do poemario ‘Crónica do chan’ de Alberto Lema. Nós adaptamos o texto libremente, pero conserva o espírito do poema, que nos gustou moito e no que nos vimos reflectidos. Case todo o mundo ten algún alguén que foi emigrante nos 70. Vimos o tema claro, saiunos esa liña soul debaixo e fixemos unha canción de forma alegre pero con contido triste. Esa disociación que se produce entre a música e a letra tamén é algo que me gusta. 

Obviamente somos seres políticos e iso acaba agromando sempre por algún lado.

- ‘Para unha vez que saímos’ (Lixo Urbano, 2016) é un EP con seis cancións. Moito vos gusta ese formato. 
- A verdade é que si. A idea imaxinaria dos discos con 12-13 cancións non deixa de ser unha imposición da industria musical no seu tempo para que collese no formato que naquel tempo funcionaba. Agora creo que xa non ten sentido porque moitas veces as propias bandas están lanzando os seus temas a pildorazos. Preferimos facer máis traballos en menos tempo. Vale, son máis curtos, pero permíteche ter unha presenza máis habitual nos medios e, sobre todo, creo que che permite un control de calidade do produto. É dicir, a nosa pretensión é que non haxa temas de recheo, aínda que para o respectable pode habelos. Entón para quitar un disco cada ano e medio esa imposición do mercado nós non lle vemos moito sentido: a distribución é toda dixital, por internet. E nós ademais temos de balde a descarga no Bandcamp

- Outra das vosas trazas estéticas é o humor. Despois de sacar un disco de cancións de Nadal non sei que máis podemos agardar de vós para o futuro. 
- [risas] Conste que dentro do rock and roll hai unha grande tradición de artistas, sobre todo ingleses, que acaban quitando un disco de panxoliñas, como Chuck Berry. Foi unha cuestión de humor, que é o 90% da Familia Caamagno. Nós antes de ser unha banda somos un grupo de amigos e calquera que nos vexa tomando algo verá que saímos todos xuntos, levámonos moi ben e estamos de carallada todo o día. Temos un humor bastante absurdo. 

Comentarios