Así serán os Mestre Mateo máis multitudinarios que acollerá este ano A Coruña

A elección do recinto que acollerá esta edición quere corresponder a este éxito de público "celebrando a gala máis multitudinaria da historia dos premios, abrindo as portas a case 2.000 asistentes.
Presentación, esta terza feira, da gala dos Premios Mestre Mateo. (Foto: Aigi Boga)
photo_camera Presentación, esta terza feira, da gala dos Premios Mestre Mateo. (Foto: Aigi Boga)

A gala dos premios do audiovisual Mestre Mateo celebrarase o 23 de marzo no Coliseum da Coruña, cos intérpretes Lida Veiga e Miguel Canalejo como presentadores dun espectáculo baixo a dirección da dramaturga Noemí Rodríguez

Así se apuntou esta terza feira, no acto de presentación na Coruña, coa presenza do presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra; o concelleiro de Fomento e Promoción da Coruña, Gonzalo Castro; a deputada provincial de Cultura, Natividade de Jesús González; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias.

Na presentación, subliñouse o bo momento polo que atravesa o audiovisual galego. Así o expuxo Álvaro Pérez Becerra, quen sinalou que as películas que participan nesta edición "obtiveron unha excelente resposta de público na súa estrea en salas de exhibición, superando os 325.000 espectadores", o que supón un aumento do 48% con respecto ás cifras na edición anterior. 

No acto presentouse tamén o cartel desta edición, coa lema Hai alguén aí? Si?, Non? Si que retoma a pregunta que facía ao público o xabaril que presentaba o programa Xabarín Club nos anos noventa.

Ademais, o presidente da AGA, que precisou que o anuncio dos finalistas coñecerase nas próximas semanas, igual que o do premio de honra, dixo que a elección do recinto que acollerá esta edición quere corresponder a este éxito de público "celebrando a gala máis multitudinaria da historia dos premios, abrindo as portas a case 2.000 asistentes". 

Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG, destacou, na súa intervención, o papel que xoga a Academia a favor do audiovisual galego, nun momento en que a corporación acaba de lanzar a plataforma dixital a galega.gal, que definiu como "a pedra do futuro".

Comentarios