Contracultura

Álvaro Pérez: "É un orgullo poder sentarnos a falar empresas, profesionais e asociacións sindicais"

Álvaro Pérez (A Coruña, 1989) é o presidente da Academia Galega do Audiovisual, unha das sete entidades que conforman a recentemente creada Mesa do Audiovisual Galego xunto coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a Asociación Sindical Galega de Guionistas, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, o Clúster Audiovisual Galego, a Asociación de Profesionais da Dirección e Realización e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema.
Álvaro Pérez leva máis dunha década traballando no sector cultural galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Álvaro Pérez leva máis dunha década traballando no sector cultural galego. (Foto: Nós Diario)

—Como xorde esta iniciativa?
A idea era que todas as asociacións profesionais e de empresas relacionadas co audiovisual puidésemos xuntarnos para falar da situación do sector, que era algo que non fixeramos practicamente nunca. Dedicamos dúas tardes a falar da situación do sector desde a perspectiva de cada entidade e unha das cousas que comentamos foi precisamente a posibilidade de darlle estrutura e forma a esta reunión baixo un nome. De aí saíu a constitución da Mesa, que a idea é que teña reunións periódicas nas que poder falar da situación actual.

Fixemos un repaso xeral de como está todo: do bo momento en canto a resultados, da relevancia que está tendo o traballo que se fai na Galiza e dos problemas que nos atopamos. Hai moitas demandas concretas por parte de cada asociación, que seguirán reivindicando desde os seus ámbitos, e demandas colectivas nas que a idea é, a través da Mesa, ser quen de trasladalas aos axentes implicados para poder facer máis forza. Algunhas destas demandas, por exemplo, teñen que ver coas axudas da Xunta ou coa necesaria aposta que cremos que se debe facer pola ficción propia, tamén coa implicación da TVG.

—Como se vai articular?
Hai unha serie de puntos que a partir de agora imos comezar a desenvolver. Por exemplo, no comunicado que lanzamos anunciando o nacemento da Mesa falabamos de incrementar as liñas de axudas. Agora do que se trata é de pór cifras máis concretas e ir cunha voz única en nome de todo o sector á Xunta, á TVG e ao resto de axentes para trasladar todo isto.

Haberá reunións relacionadas con asuntos máis concretos nas que cada asociación nomeará os seus representantes para consensuar posturas coas que achegarnos ás administracións. A idea é facer, cando menos, unha reunión anual conxunta e de forma xeral para falar da situación, e logo unha serie de reunións ao longo de todo o ano centradas en asuntos concretos. Nestas segundas non terán que intervir necesariamente todas as entidades implicadas porque hai temas máis específicos que teñen que ver máis cunhas que con outras.

Hai que ter en conta que na Mesa están tanto empresas como profesionais, pasando por asociacións sindicais. Isto implica que en determinadas cuestións vai haber desacordos. Precisamente nesas reunións iniciais detectamos que hai moitos temas dos que temos que seguir falando porque hai moito tempo que non se poñen enriba da mesa de maneira conxunta.

Tamén é certo que haberá cousas que comuniquemos cara a fóra e outras tantas que se resolverán a nivel interno, porque tamén ese é outro dos obxectivos da Mesa. Na propia Mesa están sentadas as entidades que participarían, por exemplo, nunha negociación para a elaboración dun convenio. Xa o propio feito de poder xuntarnos e falar disto como compañeiros e compañeiras que somos creo que di bastante.

Esta capacidade de unión é algo do que presumimos moito porque non é tan habitual noutros sectores. Xa digo, non é que compartamos todo, mais só o feito de ser quen de sentarnos dúas tardes, falar as cousas e estar de acordo cando emitimos un texto conxunto é algo para contar con orgullo. 

—Hai algunha iniciativa xa pensada para levar a cabo a curto prazo?
En principio a idea é agardar a ter estas reunións para marcarnos obxectivos máis concretos. No exemplo que comentaba antes con respecto ás axudas, non queremos facer peticións porque si. Queremos ligalo a datos concretos do que xera o audiovisual dentro do PIB galego. Tamén queremos impulsar iniciativas relacionadas coa promoción do galego e á responsabilidade que o audiovisual ten neste sentido. 

Comentarios