Convócanse os Premios da Cultura Galega 2023

As oito modalidades convocadas este ano son as de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior.
Melania Cruz recolleu o premio na categoría de Artes Escénicas nos Premios da Cultura Galega 2022 (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Melania Cruz recolleu o premio na categoría de Artes Escénicas nos Premios da Cultura Galega 2022 (Foto: Xunta da Galiza).

Os Premios da Cultura Galega 2023 foron convocados en todas as súas modalidades, uns galardóns que recoñecen “o labor creativo na Galiza e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade”.

As oito modalidades convocadas son as de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior.

As institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas dispoñen de dous meses para presentar as candidaturas, tal e como se recolle no Diario Oficial da Galiza.

Segundo explican nun comunicado, as solicitudes deben presentarse antes do 14 de agosto por medios electrónicos a través do formulario dispoñíbel na sede electrónica da Xunta da Galiza e á mesma engadiránselle os méritos das candidaturas cunha xustificación descritiva.

Valoración das propostas

O xurado que valorará as propostas estará presidido polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e contará con representación do Consello da Cultura Galega, das universidades, da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, da Xunta da Galiza, a través das áreas de Cultura e Igualdade, e de catro persoas do ámbito da cultura, designadas polo Goberno galego.

En cada unha das modalidades, os Premios da Cultura Galega concederán un único galardón. Non poderá recaer máis dun recoñecemento na mesma persoa.

As persoas propostas teñen que estar vivas e os colectivos e entidades deben ter actividade na data de formalización da candidatura.

Os seleccionados recibirán como premio unha escultura ou peza conmemorativa realizada por un artista galego de acreditado prestixio e un diploma acreditativo.

Comentarios