Fas 18 anos en 2023? Xa podes pedir o Bono Cultural. Explicámosche como

A axuda comprende 400 euros que se poderán destinar á adquisición e o goce de produtos, servizos e actividades culturais. Para solicitalo, os mozos deben rexistrarse e realizar o procedemento de solicitude na páxina web do bono cultural até o próximo 30 de setembro.
Un mozo nunha pantalla táctil dun museo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un mozo nunha pantalla táctil dun museo (Foto: Nós Diario).

As persoas nadas en 2005 e que fan 18 anos en 2023 poderán solicitar o Bono Cultural a partir desta terza feira, 13 de xuño, segundo informou o Ministerio de Cultura e Deporte.

A axuda comprende 400 euros que se poderán destinar á adquisición e o goce de produtos, servizos e actividades culturais. Para solicitalo, os mozos deben rexistrarse e realizar o procedemento de solicitude na páxina web do bono cultural até o próximo 30 de setembro.

Ao programa teñen dereito os mozos de 18 anos nados no Estado español, así como aqueles que dispoñen de residencia legal, solicitantes de asilo, desprazados temporais ou ex tutelados. Os mozos interesados en solicitar o Bono Cultural Mozo poden realizar o trámite persoalmente ou a través da representación dun adulto, para o que é preciso achegar o formulario de representación descargábel na páxina web, correctamente asinado por beneficiario e representante. Nestes casos, o libro de familia non é un documento acreditativo da representación.

A medida conta con máis de 3.000 estabelecementos adheridos para utilizar os 400 euros en produtos ou servizos culturais. O Bono Cultural Mozo funciona cunha tarxeta de prepago que o beneficiario pode ter de forma virtual no seu móbil ou recibir de forma física no seu domicilio.

O Bono Cultural distribúese en tres tramos para favorecer a diversificación do investimento. Así, pódese destinar 100 euros para produtos físicos (libros, prensa ou discos); 100 euros para produtos dixitais (prensa dixital, podcast ou videoxogos); e 200 euros para artes escénicas (teatro, ópera, cinema, danza ou museos).

En xullo do ano pasado púxose en marcha por primeira vez o bono cultural para todas as persoas que cumprisen 18 anos ese 2022. A idea era a de solicitar 400 euros destinados ao consumo de produtos e servizos culturais para eses mozos.

Con todo, a medida comezou con problemas ante as queixas de moitos solicitantes, que se atopaban con dificultades administrativas para acceder a este bono. De feito, ao longo do tempo que estivo habilitado, Cultura viuse obrigada a facer cambios como o de permitir facer toda a xestión a través de Correos de maneira presencial e non obrigar a ter un certificado dixital.

As touradas, incluídas

Non foi a única crítica que recibiu o ministro Iceta por esta medida, posto que varios sectores que quedaron fóra solicitaron entrar. En especial, o taurino, que finalmente entrou na segunda edición do bono xa que o Tribunal Supremo (TS) anulou, por falta de xustificación, a exclusión dos espectáculos taurinos do ámbito de aplicación.

O bono cultural estabelecía que non eran subvencionábis os espectáculos taurinos, ademais dos deportivos, a adquisición de produtos de papelería, libros de texto curriculares, equipos, software, hardware e consumíbeis de informática e electrónica, material artístico, instrumentos musicais, moda e gastronomía.

O balance que Cultura fixo da primeira edición foi "positiva", ao remarcar que a obrigación principal do Ministerio era a de que "non quedase ningún mozo que podía acceder ao bono sen saber desta axuda".

As cifras desa primeira edición alcanzaron a un total de 281.557 mozos, o que supuxo que un 43,4% do total das persoas desta idade (488.794 segundo o INE) ou ben non o solicitaban ou non completaran o proceso de solicitude. En total, houbo uns 376.000 inicios do proceso para solicitar o bono pola web, aínda que non todos eles se completaron.

Un portavoz do Ministerio de Cultura explicou que o resto do diñeiro orzado -algo menos de 100 millóns, xa que o bono tiña destinado 210 millóns de euros en total- non se utilizaría.

Comentarios