Máis

Conservar a historia

Os achados da anta do Forno dos Mouros. Dentro da cámara localizaron gravados en vermello e negro. 
3483px-Forno_dos_Mouros_A_Moruxosa
photo_camera Anta da Moruxosa no concello de Toques. (Foto: Nemigo)

No concello de Toques, na comarca de Terra de Melide, localízase unha das antas mellor conservadas da Galiza. Coñecida como a anta do Forno dos Mouros, este monumento prehistórico forma parte dun roteiro de megálitos que transcorre polos montes do Bocelo. Este enterramento funerario responde tamén ao nome de anta da Moruxosa e está considerado como Ben de Interese Cultural.

Datado entre o neolítico e o calcolítico, calcúlase que podería ter uns 5.000 anos de antigüidade. Con perto de 20 metros de diámetro, este monumento construído a base de granito conta cunha cámara poligonal de case 3,5 metros de ancho cunha gran lousa que o cubre sostida por sete ortostatos que se aproximan aos 2,5 metros de altura. Grazas a súa boa conservación, mantense tamén o corredor de acceso. Para coñecer máis en profundidade este monumento megalítico producíronse varias escavacións entre os anos 1987 e 1989 por parte da Universidade de Santiago de Compostela.

Así mesmo, co afán de protexer e preservar a anta, realizáronse unha serie de intervencións que tiveron como consecuencia, alén do seu obxectivo inicial, que na actualidade non sexa posíbel observar os gravados en vermello e negro sobre fondo branco e en forma de zigzag que se tiñan localizado dentro da cámara. Outro dos factores que lle outorgan un recoñecemento especial a esta anta é o descubrimento dos restos dun recipiente campaniforme no corredor de entrada. Unha peza con capacidade para conter uns seis litros, moldeada coa técnica a presión e decorada empregando cunchas de ameixas. Un achado arqueolóxico que, curiosamente, presenta nos seus gravados influencias da Bretaña.

A pesar de que este constitúe un dos restos localizados máis relevantes, débese destacar o descubrimento doutros materiais líticos e cerámicos. A serra do Bocelo resulta así un lugar recoñecíbel para todas as persoas interesadas na historia dos primeiros homínidos, un espazo no que se conservan unha gran cantidade de descubertas históricas, enmarcado este patrimonio no Camiño Real que cruza a serra.  

Comentarios