Consello da Cultura impulsa unha edición conmemorativa do 'Non te amola!' de Xela Arias

A autora retrata a súa infancia a través de 16 contos de ficción nos que reflicte os seus seres queridos
A poeta, tradutora e profesora Xela Arias. (Foto: Consello da Cultura Galega)
photo_camera A poeta, tradutora e profesora Xela Arias. (Foto: Consello da Cultura Galega)

A obra inédita de Xela Arias, Non te amola!, foi editada nunha publicación conmemorativa por parte do Consello da Cultura Galega en homenaxe á autora, editora e docente con motivo do Día das Letras Galegas.

Esta peza representa a única obra narrativa de Arias, máis coñecida pola súa faceta poética e o seu traballo no mundo da tradución, e foi publicada por primeira vez este ano, da man da Editorial Galaxia e agora con esta edición especial a cargo da institución presidida por Rosario Álvarez.

O texto componse dun total de 16 contos escritos a principios dos 90, cando a autora contaba con preto de 30 anos de idade. Neles, Xela Arias ofrece un retrato á súa infancia e retrotráese até os nove anos, para relatar as vivencias do día a día e da súa propia familia.

A obra estaba finalizada e revisada pola propia escritora, que mesmo contaba cunha subvención concedida pola entón Consellaría de Cultura e Xuventude para a súa edición. A pesar diso, optou por deixar o libro no ámbito familiar, renunciou á axuda e conservouno á espera do momento oportuno.

A decisión da Real Academia Galega de recoñecer a figura de Arias nas conmemoracións do 17 de maio, levou a súa familia a propor a difusión e publicación desta proposta narrativa inédita, que o Consello da Cultura asumiu como parte da súa liña de edicións conmemorativas daqueles autores aos que se dedican as Letras Galegas.

A publicación, que conta cunha tiraxe limitada de 500 exemplares, conta cun estudo introductorio a cargo de Ana Iglesias, profesora e amiga persoal de Xela Arias, ademais de sete ilustracións realizadas por Bea Gregores. Ambas participaron esta t4rza feira en Santiago de Compostela na presentación desta edición, canda o fillo de Arias, Darío Gil, e a presidenta do CCG, Rosario Álvarez.

Precisamente, Álvarez destacou que o libro mostra unha Xela Arias "empapada do galego tradicional", servíndose dun rexistro máis espontáneo e próximo á oralidade e tentando introducirse como unha nena de nove anos que fala do mundo que lle rodea: da aldea, da educación, a familia ou o cambio a de unha contorna rural a outra urbana.

Ana Iglesias incidiu neste punto para sinalar que presentaba unha "intención moi clara de deixar ese legado ás futuras xeracións", aos seus fillos e á súa familia, que queda reflectida ao longo das diferentes historias a través dos diferentes personaxes que protagonizan os contos. "É un agasallo para a súa familia e aí quedou como un tesouro. E grazas á súa xenerosidade converteuse nun agasallo para todos nós".

A edición conta, ademais, coa participación da ilustradora Bea Gregores, que quixo salientar "esa relación no rural" e a importancia do mundo de Xela reflectido nas historias, unha visión dunha nena que soñaba con cambiar o mundo para as novas xeracións.

Finalmente, Darío Gil agradeceu o traballo de todos os implicados nesta publicación conmemorativa, unha peza "moi fermosa" e que permite dar a coñecer "unha faceta máis" da traxectoria creadora da súa nai.

Comentarios