A Primavera das Letras comezará no colexio de Xela Arias

A RAG inaugurará o martes o proxecto no CEIP Sárdoma-Moledo, onde estudou a escritora a que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas
Xela Arias
photo_camera Xela Arias

A Real Academia Galega inaugurará na tersa feira, 2 de marzo, a Primavera das Letras dedicada a Xela Arias no CEIP Sárdoma-Moledo, o colexio de Vigo onde a escritora e tradutora estudou de nena e a cal a institución dedica este ano o Día das Letras Galegas.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica Fina Casalderrey presentarán o proxecto dirixido ao alumnado de infantil e primaria nun acto no que participará a familia da homenaxeada canda a comunidade educativa de Sárdoma-Moledo.

Primavera das Letras fornecerá os nenos e nenas de recursos lúdicos e didácticos arredor da vida e a obra de Xela Arias desde a rede.

A presentación desta iniciativa terá lugar nas vésperas do aniversario da autora, nada o 4 de marzo de 1962 en Sarria. Tras vivir neste concello –primeiro– e Lugo –despois–, Xela Arias estableceuse coa familia en Vigo, a cidade onde viviu dende os sete anos ata o seu pasamento en 2003.

A nova edición de Primavera das Letras súmase á oferta dixital da páxina web institucional da RAG, onde está activa desde xaneiro a sección das Letras Galegas 2021.

Este espazo ofrece a biografía da homenaxeada que asina a académica Ana Romaní, entrevistas –unha delas a Amparo Castaño, nai da autora–, e unha galería de retratos de Xela Arias realizados por Xulio Gil, entre outros contidos.

Esta fiestra virtual dará tamén acubillo a propostas audiovisuais sobre a poeta e tradutora que serán presentadas proximamente.

Comentarios