O Congreso sobre o Reino de Galiza reune investigadores de todo o mundo

O simposio, organizado pola Deputación da Coruña, terá lugar no Museo do Pobo Galego e contará con 18 relatores e relatoras procedentes das universidades de Nova York, Barcelona, Salamanca, Oviedo e Santiago de Compostela

Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego, o historiador Anselmo López Carreira e o deputado de Cultura, Xurxo Couto. (Foto: Arxina)
photo_camera Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego, o historiador Anselmo López Carreira e o deputado de Cultura, Xurxo Couto. (Foto: Arxina)

"O pasado sempre se mira desde o presente, e esa mirada vale tanto para descubrir a historia como para coñecer a sociedade actual". Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego, referíase así á celebración do I Congreso Internacional sobre o Reino Medieval de Galiza, que decorrerá do 19 ao 22 de setembro e que se presentou onte coa presenza do propio Vilar, de Xurxo Couto,  deputado de Cultura da Deputación da Coruña, e do curador científico do Congreso, Anselmo López Carreira. 

Manuel Vilar destacou que o tópico de ver a Idade Media como "un tempo escuro e sombrío" está xa superado e que hoxe sabemos que foi "unha das épocas de máis esplendor da nosa historia". En consecuencia, indicou, "este congreso permitiranos avanzar no coñecemento un tempo moi interesante da nosa historia, de riqueza e de poder e de relevancia da nosa lingua".  O director do Museo do Pobo subliñou "a grande expectación" que o anuncio do Congreso levantou entre estudosos deste período, entre os historiadores en xeral, e na sociedade galega no seu conxunto. 

Na mesma liña de argumentación, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, destacou que o congreso "demostrou ser xa un éxito antes de comezar" polas expectativas xeradas, algo que se evidencia a través das inscricións completas para todos os relatorios en apenas un mes. 

Como exemplo da atracción da sociedade galega cara a este tema, Couto referiu que no certame "Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-22" -convocado por primeira vez este ano pola Deputación da Coruña para divulgar e socializar o pasado medieval galego- se presentaron 127 proxectos. "A sociedade reclámanos que este tipo de convocatorias saia adiante", observou. 

 

Unha data simbólica 

Souto insistiu en que é a primeira vez que se convoca un encontro deste tipo, onde o reino medieval se estuda de maneira global. E desvelou que a data en que se celebra non é casual: o 17 de setembro de 1111, Afonso VII foi consagrado como Rei da Galiza polo bispo Diego Xelmírez na catedral de Santiago. Facer coincidir o congreso co aniversario daquel evento eleva a súa carga simbólica. 

Anselmo López Carreira explicou, a continuación, que a coroación de Afonso VII tería unha enorme transcendencia para a historia galega: coa proclamación como monarca daquel neno de seis anos, "os poderes fácticos da Galiza, coa casa de Traba á cabeza, estaban demostrando unha conciencia identitaria que defendía os seus intereses fronte a outras entidades políticas". 

"Aquela cerimonia quedou perfectamente documentada na Historia Compostellana", explicou López Carreira, "e o que se pretende neste congreso é exactamente iso, documentar eo que sabemos até o de agora sobre o Reino Medieval da Galiza".

Recuperar a memoria 

O curador científico do congreso fixo un breve percorrido pola historia do reino medieval. A primeira vez que se fala de reis na Galiza é co estabelecemento dos suevos baixo o reinado de Hermerico, "mais aínda non sería correcto falar dun Reino da Galiza, senón dun reino suevo na Galiza". É co neto de Hermerico, Requiario, cando o reino asume funcións que até o momento desenvolvía o Imperio Romano, como a acuñación de moeda". 

Na Alta Idade Media, as referencias ao Reino da Galiza xa son unha constante en toda Europa, mais "na medida en que a Galiza vai sendo absorbida por España, a memoria daquel reino vai esvaecendo". As catro xornadas do simposio “nas que contaremos cun plantel de relatores magnífico" que proceden de diferentes institucións entre as que destacan as universidades de Nova York, Barcelona, Santiago de Compostela, Salamanca e Oviedo, "permitiranos rescatar a memoria da existencia do Reino medieval de Galicia, o que suporá un chanzo máis na recuperación da memoria do país".  

Todas as sesións do congreso serán retransmitidas ao vivo desde a páxina web www.reinomedievaldegalicia.gal, que nos días do Congreso centrará nunha pantalla única as diferentes relatorías, e permitirán a participación activa nos debates programados ao final de cada sesión.

Comentarios